Vedra, 16 de xullo do 2020 – O laboratorio de creación audiovisual posto en marcha pola asociación Sen un Peso de Vedra ven de recibir o premio CREA de Honra 2020.
CREA é a Asociación galega de profesionais da dirección e realización, fundada no ano 2002. Trátase dunha asociación profesional sen ánimo de lucro, que ten como obxectivo a defensa dos intereses dos directores/as e realizadores/as do sector audiovisual en Galicia. Os premios do mesmo nome son outorgados polos socios por votación e teñen como obxectivo recoñecer o traballo no eido audiovisual.
A V edición concede o premio de Honra a o Lav de Vedra, posto en marcha pola Asociación Sen un Peso. O galardón concédese por “facer chegar o soño de facer cine fóra dos entornos urbanos. E por facelo sen un peso”.
Un dos últimos traballos da asociación
Sen un peso
A Asociación Senunpeso Producións naceu Vedra en agosto de 2009. Foi fundada por un grupo de persoas que, ao amparo da Asociación Cultural e Deportiva Verea, puxeran en marcha en 2008 “Formacción, Xornadas de Formación e Mostra Audiovisual”. Logo da realización de dúas edicións desta actividade, decidiron crear Senunpeso e centrarse no audiovisual.
A asociación realizou a súa primeira actividade importante en 2010, coa organización do Laboratorio Audiovisual de Vedra (LAV), que, co formato de xornada de formación e mostra audiovisual, daba continuidade ao anterior Formacción. É este Lav o que ven agora de recibir o recoñecemento dos profesionais.
Sen un Peso explican que traballan “con tres referentes: o audiovisual, o rural e Galicia. Entendemos o audiovisual coma un feito colectivo, onde todas as partes son importantes, e onde, aproveitando e compartindo os coñecementos, a creatividade e os materiais, é posible facer grandes produtos audiovisuais sen necesidade de contar con grandes orzamentos”.

