Vedra, 5 e abril do 2021 – Dentro do programa “En corentena Vedra non para” o concello celebra a Exaltación do viño da Ulla.
Vedra preparou unha serie de actividades adaptadas ao contexto actual para que unha das súas festas máis emblemáticas non deixe de celebrarse.
Fotografía e memoria
A Exaltación do Viño da Ulla terá unha certa presencia case ata final de ano. Desde este mes e ata novembro manterase aberto o concurso de fotografía “A cultura do viño na ribeira do Ulla”. Trátase da primeira edición do certame.
O programa que comezou en xaneiro baixo a denominación V12 e que percorre online as parroquias tamén terá este mes unha referencia ao viño da Ulla. Baixo o nome “de pesca e viño” visitará a parroquia epicentro da celebración, San Miguel de Sarandón.
Este venres o Secretario Xeral da Denominación de Orixe Rías Baixas, Ramón Huidobro, ofrecerá unha charla co título de “O posicionamento da ribeira do Ulla na D.O. Rías Baixas”.
E a memoria terá unha cita especial este sábado día dez no campo da festa de San Miguel de Sarandón. O programa da TVG “Que nos pille rebolando” estará en directo desde as 15,40 lembrando o que foron todos estes anos con entrevistas e actuacións musicais.
Un pouco antes, as doce e a porta pechada no Pazo de Vistalegre, non faltará a III Cata Concurso do viños Rías Baixas Albariño da subzona Ribeira do Ulla. Os gañadores recibirán os galardóns pola tarde no campo da festa.
A festa conta este ano coa colaboración do concello de Vedra, da Asociación de Festexos Populares San Miguel de Sarandón, o Xacobeo 21 e a Xunta de Galicia.