Vedra, 20 de abril do 2022 – O Centro Sociocultural de Vedra acolleu a inauguración da exposición de fotografía Paso a Paso que estará aberta ata o vindeiro sete de maio.
Trátase dunha mostra na que participan 8 artistas con distintos estilos de fotografía. A exposición nace a partir dun taller impartido polo compostelano Fuco Reyes que participou tamén na apertura da mostra.
O alcalde de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, agradeceu o traballo dos artistas e explicou a razón para que a mostra sexa no Centro Sociocultutal “xunto cos técnicos do concelo pensamos que era boa idea que a instalación estivera nun espazo que é usado a diario e distintas actividades polo que a mostra será vista por todos os que pasen por aquí”. Martínez avanzou ademais que é a primeira exposición en este espazo pero que detrás dela virán outras.
A artistas vedresa Esmeralda López foi a encargada de explicar polo miudo que se pode ver na exposición. A mostra ten tres liñas disinttas que comezan por algúns traballos de fotografía documental, que intentan reflectir a realidade; a continuación pódense ver unha serie de obras inspiradas na pintura con bodegóns tomados de obras do século XVII ou referencias á pintura abstracta; e finalmente obras que buscan a metáfora visual, que intentan suxerir distintas situacións inspiradas incluso no acoso psicolóxico.
Ademais de Esemeralda López na exposición participan Ramiro González, Ana Rozas, Ánxela Taboada, Adonis Ríos, Josina Ganzedo, María Pino e Maite Miñambres.