Vedra, 29 de agosto do 2017 – O Concello de Vedra decidiu adherirse ao Convenio para a loita contra a Vespa Velutina xa que nos últimos meses neutralizáronse preto de 300 niños no municipio. estes traballos realizáronse con medios propios e persoal voluntario, tanto de Protección Civil coma apicultores do Concello de Vedra.
Nos meses de verán houbo un repunte moi alto nos avisos chegando a máis de 100 entre xullo e agosto. A previsión e que se superarán estas cifras nos vindeiros meses de setembro e outubro coa caída da folla das árbores que será cando os niños de velutina sexan mais visibles. Neste sentido, trátase de priorizar aqueles que son máis urxentes por estar en vivendas ou alpendres anexos, árbores próximas a vivendas habitadas ou lugares de tránsito público de persoas coma rúas, prazas, colexios, etc.
O traballo de neutralización dos niños realizase nas últimas horas do día para intentar capturar o número máis elevado posible de vespas dado que é pola noite cando todas están no seu interior, estanse neutralizando unha media de entre 15 e 20 niños cada semana dependendo das dificultades que presentan en cada caso. Neste sentido temos que destacar a importancia da colaboración veciñal na detección dos niños, algo fundamental para poder inactivalos e frear o avance da vespa asiática.