Vedra, 14 de xuño do 2022 – A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén Campo, visitou o Pazo de Ortigueira en Vedra e anunciou a liña de axudas para árbores e formacións senlleiras.
Estivo acompañada na visita polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, e o propietario do Pazo. Os xardíns do pazo de Santa Cruz contan cun total de nove elementos incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras, concretamente, sete árbores, entre as que destaca unha espectacular camelia, e dúas formacións. Ademais, desde 2001 o conxunto formado polo pazo e as zonas verdes que o rodean foron declarados Ben de interese cultural (BIC), coa categoría de monumento.

A directora anunciou en Vedra que Xunta de Galicia ven de convocar dúas ordes de axudas por un importe total de 40.000 euros dirixidas á conservación, protección, mellora e divulgación das 182 árbores e formacións incluídas actualmente no Catálogo galego de árbores senlleiras.
Ao igual que na anterior convocatoria, a Xunta publicou unha liña reservada especificamente para concellos ou agrupacións de entidades locais, dotada cun orzamento de 15.000 euros, e outra dirixida a persoas ou entidades sen personalidade xurídica, cunha partida de 25.000 euros. En ambos casos, os beneficiarios deben acreditar a súa condición de propietarios dalgún elemento que forme parte do catálogo.
Entre as actividades subvencionables figuran a realización de podas e actuacións de formación e control da copa; a aplicación de tratamentos fitosanitarios; as accións de conservación e mellora do entorno; iniciativas de divulgación e sinalización; e a execución de estudos. As intervencións, que en ningún caso poderán terse iniciado antes da publicación das ordes, terán como data límite de execución o 30 de setembro de 2022.
A directora xeral explicou que os beneficiarios poderán recibir unha contía equivalente ao 100% do custo da actuación a executar nestes espazos, cun límite de 4.500 euros no caso de que a axuda sexa para intervir sobre unha árbore e de 8.000 euros se se trata dunha formación.
Elementos no Catálogo de senlleiras
O Catálogo galego de árbores senlleiras é un rexistro público de carácter administrativo no que se inclúen todas aquelas árbores e formacións que en atención ás súas características excepcionais, merecen unha protección especial.
Trátase dunha ferramenta aberta e en constante actualización, na que poden propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou as asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.
De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables. Nestes momentos, o catálogo suma xa 182 elementos —144 árbores e 38 formacións— pertencentes a 79 especies diferentes.
