Bisbarra, 1 de marzo do 2023 – A ANPA do CPI Plurilingüe de Vedra propón unha xornada de Parkour e Breaking o domingo 19 de marzo de 11 a 13 horas para a rapazada de entre os 12 e os 16 anos.

Esta iniciativa nace dunha enquisa realizada pola ANPA entre o alumnado. Faise en colaboración coa Universidade de Santiago por medio do programa Corresponsables USC. A xornada terá lugar na mañá do domingo 19 de marzo e servirá para despedir a segunda avaliación.
O Parkour é unha disciplina física que ten como obxectivo que o que a practica se traslade dun lugar a outro do xeito máis rápido e eficiente coa súa única forza motriz. Saltos, impulsos, volteretas… un xeito espectacular de moverse que require concentración e entrenamento.
Pola súa banda o Break ou Breakdance é un tipo de baile asociado á cultura hip hop. Naceu nos 70 dos afroamericanos que vivían no barrio neoiorquino do Bronx e creceu rapidamente estendéndose a todo o país primeiro e xa nos 80 a todo o mundo.
A actividade está dirixida principalmente a rapazas e rapaces de entre 12 e 16 anos. Durante as dúas horas faranse grupos que poderán rotar para poder participan en ámbalas dúas actividades. Nos obradoiros traballaranse os conceptos e técnicas máis básicas do Parkour e do Breaking, dividindo aos participantes por idades e distribuídos nas dúas estacións (instalarse un Parkour Park e unha pista de baile).
Durante a última parte do taller farase uso libre das instalacións para practicar o aprendido no obradoiro. A xornada irá ambientada con soporte musical.