Vedra, xuño do 2021 – O concello de Vedra será a sede do Concurso Nacional de Saltos “Concurso Hípico no Camiño” os días 9, 10 e 11 de xullo próximos.
A inscrición comezou este luns e pechará o vindeiro día 30. Os interesados deben acceder a web da Federación Galega no seguinte enlace.
A presentación tivo lugar este luns na Casa do Concello. Participaron o alcalde de Vedra, Carlos Martínez; o presidente de “Concursos Hípicos no Camiño”, Javier Masaguer; o director técnico do concurso, Diego Gómez; e a madriña do concurso e participante do recoñecido programa de cociña Master Chef, Ofelia Hentschel.
Carlos Martínez quixo destacar que “para o Concello de Vedra é un orgullo poder levar a cabo un concurso deste calibre, coa gran tradición cabalar que temos. Por iso estamos seguros de que será un verdadeiro éxito”.
Pola súa banda, Javier Masaguer confesou que “dende o primeiro día sentimos o agarimo tanto da corporación municipal como dos veciños. E isto é algo fundamental para sacar adiante un evento desta importancia, onde contamos poder encher as 160 prazas dispoñibles, podendo inscribirse dende hoxe mesmo”.
Con respecto ao tipo de evento que se celebrará, Masaguer explicou que “queremos facer algo diferente e que chame a atención. Haberá espazos gastronómicos e culturais, teremos marcas de roupa galegas na carballeira de San Fins e remataremos cada xornada cun pequeno concerto.
Na rolda de prensa anunciouse que a concursante compostelá de Master Chef, Ofelia Hentschel, será a madriña desta edición “Ofelia é unha persoa vinculada ao mundo da hípica e xa participou nun concurso no que colaboramos. É moi consciente das dificultades que supón organizar un evento deste calibre e, ao mesmo tempo, o goce dos xinetes fóra do día a día dos seus clubs”, declararon os organizadores.
A propia Ofelia sinalou que “concursos coma este son moi necesarios. Os xinetes e as amazonas estamos moi agradecidos de poder deixar os nosos clubs para saltar, xa que temos a opción de poder gozar da nosa paixón fóra da casa, interactuar con outra xente e coñecer novos lugares. A hípica é un deporte no que se transmiten valores coma o compañeirismo, o desexo de mellorar, así como fomentar as relacións sociais máis alá da competencia”.
O Concurso Nacional de Saltos celebrarase na Carballeira de San Fins de Sales do 9 ao 11 de xullo. Xunto coa proba celebraranse concertos e instalarase unha carpa gastronómica. O concurso conta coa colaboración do concello de Vedra, A Deputación da Coruña, A Feira Internacional de Galicia Abanca, Baphorse, Lamboandas, Empire Sapphire Equestrian, Alquivox, Pavo e Gadis.
