Padrón, 5 de xuño do 2017 – Veciños de Padrón denuncia, a partir dunha pregunta formulada na Comisión Informativa previa ao Pleno da pasada semana, a existencia dunha polbeira en situación irregular durante as festas de Pascua.
Trátase dunha carpa situada edición tras edición no Campo da Barca coincidindo coa celebración da feira cabalar, unha parcela cunha localización privilexiada que non se licitou co resto de espazos, segundo puido saber a formación política, dende o 2012 e ata este 2017. Durante todo este tempo, a licitación das parcelas correu a cargo do goberno do Partido Popular e , nos
anos 2013 e 2014, formado tamén parte do mesmo os dous concelleiros do Partido Galeguista Demócrata que recentemente volveron a aliarse co PP.
Tras coñecer a situación e realizar unha pequena investigación que corroborou os feitos, a formación comandada por Teresa Rey preguntou por esta cuestión no pleno ordinario do pasado xoves. A resposta por parte do goberno, da que se encargou o concelleiro en funcións, Andrés Sanmarco, foi que a parcela non se licitara no 2017 “debido a un erro”. Porén, cando a representante de Veciños lle preguntou polo resto de anos nos que a situación irregular viuse repetindo, non respondeu. Según Veciños “Tampouco respondeu, e só soubo resoplar e poñer cara de sorpresa, cando se lle preguntou en base a que se permitía a instalación desta polbeira, e dixo non coñecer a resposta cando a cuestión foi se o Concello recibía algunha contraprestación económica a cambio da explotación deste espazo público. E todo isto, malia ter presentado a pregunta por escrito e con 24 horas de antelación, tempo estimado no que o goberno ten a obriga legal de preparar as cuestións e de respondelas”.
Ante a gravidade dos feitos e a falta de repostas e de claridade por parte do rexedor municipal e o seu equipo, Veciños de Padrón pregúntase “que obteñen os membros do goberno para estar dispostos a rachar coa legalidade vixente e a permitir, con coñecemento de causa e durante 6 anos, agravios comparativos entre aqueles que participan nun procedemento de licitación e pagan unha contía pola explotación dunha parcela nas Festas de Pascua e os que non”. O partido está a estudar en profundidade a situación e valorando as medidas legais a emprender ante esta nova mostra das irregularidades cometidas polo goberno municipal.