Compostela, 4 de abril do 2024 – O mes pasado explicabamos que os problemas co clínico van máis alá do recinto do hospital, a veciñanza da contorna demandan agora unha maior coordinación entre Xunta e concello.
As asociacións de veciños da contorna do Clínico (A Xuntanza, Río Sarela de San Lourenzo, Casco Histórico – San Martiño Pinario, Conxo Aberto, Escultor Asorey, Sta. Cristina de Fecha, Raigame, Álvaro Cunqueiro, Sandra Prego, Santa Marta e a Asociación de Veciños Cidade Histórica FONSECA) cren que os problemas de aparcamento van máis alá do recinto do hospital clínico e que afectan, de xeito colateral, a toda a contorna.
Estas asociacións mantiveron unha reunión para tratar este e outros temas. Na conversa quedou claro que desde a construción do hospital, os servizos alí prestados fóronse incrementando co tempo, e hoxe están instalados o PAC (Puntos de Atención Continuada) de Santiago, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), e o Aulario da Facultade de Medicina, aos que se sumará nun futuro próximo a ampliación do hospital e o Centro de Protonterapia de Galicia.
As asociacións explican que nestes anos tamén se ampliou a área xeográfica que serve ao hospital, incrementándose o número de vehículos que diariamente acceden ao Clínico e “Estes incrementos de servizos e instalacións non levaron aparellado un incremento da superficie de servizo do recinto nin do espazo de aparcadoiro”.
Neste contexto, as organizacións de veciños concluíron que é preciso que o Concello de Santiago proceda á ordenación de toda a área da contorna do CHUS, ademais de que se estableza unha mesa de negociación entre o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e o Concello para “acadar un bo acordo para os usuarios do CHUS e para a cidade de Santiago”. Tamén indicaron a necesidade de reforzar a puntualidade e as frecuencias dos servizos de autobuses urbanos, así como a urxencia de adoptar solucións provisionais de aparcadoiro mentres dure a construción do novo estacionamento.