Bisbarra, 25 de febreiro do 2025 – O concello de Val do Dubra segue buscando fórmulas legais que eviten a apertura do vertedoiro de Niveiro.

O Municipio ven de rexistrar ante a Sección de Minas da Xunta de Galicia a súa oposición ao vertedoiro. Esta oposición ao proxecto de rehabilitación, peche e abandono fundaméntase nos informes municipais e aos elaborados pola empresa TYSGAL.
Os documentos nos que o concello basea a oposición ao vertedoiro de Niveiro desvelarían diversas deficiencias na documentación presentada e a incompatibilidade do proxecto cos valores ambientais, paisaxísticos e socioeconómicos da zona.

Un dos puntos máis preocupantes é a proposta de construción dun vertedoiro de residuos non perigosos, que xeraría un impacto negativo significativo no territorio por diferentes motivos que se detallan de xeito individual.
Evidénciase tamén a ausencia de licenza social para a súa execución, o que reflicte o rexeitamento da veciñanza a esta actuación. O documento presentado o Concello de Val do Dubra solicita a Minas que o proxecto non sexa autorizado e insta á promotora a presentar unha nova proposta que priorice a restauración ambiental do espazo degradado, garantindo a protección do entorno e o benestar da comunidade.
Por outra banda foron rexistradas e presentadas na Xunta preto de 2.500 alegacións en colaboración coa Asociación Medioambiental de Niveiro, das cales 421 foron a través do Concello de Val do Dubra.
