Bisbarra, 6 de marzo do 2024 – Val do Dubra en colaboración co Programa de Emprego Xuventude 2023 pon en marcha un roteiro concurso con motivo do Día Internacional da Muller o 8 de marzo.
Esta actividade busca promover o coñecemento, por parte da poboación, das mulleres relevantes de Val do Dubra á vez que se promove o comercio local a través dos seus premios que consistirán en tres lotes de libros de igualdade.
O concurso contará con oito localizacións. distribuídas en espazos públicos de Bembibre e o reto consistirá en adiviñar cales son. En cada un dos oito puntos haberá un código QR que as persoas participantes poderán descargar cos seus móbiles para obter a información sobre 8 mulleres e/ou colectivos do concello.
As persoas que desexen participar no concurso terán que atopar os 8 códigos, e por tanto a súa localización, coa información sobre as mulleres de Val do Dubra. En cada unha das paradas deberán sacar un selfie onde se vexa á persoa participante e o código QR da muller de fondo para despois envialo por correo electrónico a igualdade@valdodubra.gal indicando o nome e apelidos, DNI e teléfono, xunto coas 8 fotos co selfie que certifiquen que se completou a ruta coa busca completa.
O prazo para participar esténdese desde o 8 marzo ata o 20 de marzo ás 15:00 horas e o sorteo para escoller os gañadores farase o 21 de marzo na sesión ordinaria do Pleno da corporación.
Ademais desta actividade, o Concello de Val do Dubra, organiza unha conferencia da Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, o vindeiro venres ás 20:30 horas no salón de actos da Casa da Cultura. Esta conferencia está promovida polo Servizo de Normalización Lingüística de Val do Dubra.
Desde o Concello de Val de Dubra buscan “dar visibilidade e poñer o foco no papel fundamental da muller na nosa sociedade. As distintas propostas que se crearon para este día achegarannos diversos enfoques moi necesarios para reivindicar o rol das mulleres e a súa constancia e traballo” como apunta a concelleira de Igualdade, Tania Barcia.
Pola súa parte, o alcalde Diego Luis Méndez mostra o seu agradecemento aos membros do Obradoiro de Emprego e ao Servizo de Normalización Lingüística, así como todas as mulleres que participaron nesta programación que “aínda que non son todas, son un bo exemplo da importancia e necesidade das mulleres nunha sociedade, neste caso na nosa, na de Val do Dubra”.