Bisbarra, 4 de abril do 2024 – O concello de Val do Dubra ven de presentar unha reclamación contra a empresa Naturgy polos continuos cortes de subministro eléctrico.
Non é un problema novo é ao longo dos anos as queixas en todos os concellos da bisbarra producíronse en distintos momentos. Agora é o concello de Val do Dubra o que insta a empresa Naturgy a buscar unha solución e asumir os gastos derivados dos reiterados cortes de subministración eléctrica.
Os cortes de luz causan prexuízos de distintos tipos a toda a veciñanza e as empresas do municipio. En 24 horas rexistráronse 20 cortes con consecuencias e danos nos electrodomésticos, tanto en domicilios de particulares coma en empresas e negocios de Val do Dubra.
Ademais de esta incidencia. a semana pasada houbo un corte de máis de 5 horas de duración en gran parte de Val do Dubra. Por outra banda o concello tamén comunicou a Movistar as incidencias que se están rexistrando en canto á cobertura móbil, outro problema habitual. En outubro pasado Val do Dubra formalizou unha queixa por escrito a Naturgy e Telefónica Movistar por este tipo de incidencias.
O concello esixe que se proceda á mellora da rede e seguidamente que a empresa asuma o gasto derivado dos danos ocasionados ata o momento así como a devolución correspondente. Ao mesmo tempo animan a toda a veciñanza a que polas as reclamacións que consideren oportunas antes Consumo para que estas empresas asuman as melloras e os compensen polos danos sufridos.
O alcalde de Val do Dubra, Diego Luis Méndez esixe “seriedade ás empresas que ofrecen este tipo de servizo xa que, ao fin do mes, cobran por un servizo que en moitas ocasións é moi deficiente, causando danos á veciñanza” e sitúase “en defensa deste tipo de queixas e do lado dos afectados como administración máis próxima aos veciños e veciñas”.