Bisbarra, 8 de febreiro do 2024 – O Plan de Obras e Servizos da Deputación, POS, destina máis de 400.000 euros ao concello de Val do Dubra que se destinarán integramente a obra pública.
O Goberno de Val do Dubra aposta por destinar a cantidade completa do pos á realización e execución da obra pública. Estes investimentos son levados a pleno hoxe xoves para ser aprobados.
Serán catro as actuacións pincipais que se levarán a cabo. A primeira a mellora do aparcadoiro de Bembibre na rúa San Lourenzo, ao que se destinan 37.926,83 euros. Esta será unha intervención coa que se aglomerará un espazo de aparcamento empregado polos veciños e veciñas. En segundo lugar está a mellora do viario Insua a Bascuas e outros (na parroquia de San Román e Coucieiro), que recibirá un investimento previsto de 206.791,37 euros.
A terceira actuación contemplada no POS será a mellora do viario Pedragosa e Barral por Algaria e outros (Niveiro) con 125.240,60 euros de orzamento. A cuarta actuación prevista é a mellora do núcleo Sobrepontes (Portomouro) cun investimento de 64.540,86 euros.
O Goberno municipal propoñerá ademais ao Pleno designar como obras do Plan Complementario, que se irán realizando a medida que cheguen axudas da Deputación da Coruña, as de abastecemento en Buiro (Rial) con 35.704,91 euros; melloras no viario Vilardoa – Portomeiro (Portomeiro) con 114.431,18 euros; mellora no acceso ao colexio Portomouro (Portomouro) cun investimento de 54.833,69 euros; saneamento en Gontar (Coucieiro) por 110.562,62 euros e finalmente o acceso á Pedra do Home (Portomouro) con 114.994,64 euros.
O POS obedece ao criterio establecido polo Goberno de “reparto de obras entre diferentes parroquias do noso municipio” como apunta o alcalde Diego Luis Díaz Méndez quen destaca “o compromiso do equipo por acondicionar o concello con actuacións para a mellora de firmes, abastecemento de auga e saneamentos”.
A totalidade da contía do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña vai destinado á obra pública dando resposta “a unha demanda dos veciños e veciños no tocante a pavimentacións e renovación de camiños”, como sinala o concelleiro de obras e tenente alcalde, Antonio Negreira anunciando así unha mellora para o día a día dos veciños e veciñas.
Asuntos Sociais
Como nos últimos exercicios da Deputación, existe unha partida específica para servizos sociais que en este caso suporán un investimento de 69.919,49 euros para Val do Dubra.
Destinaránse a ampliar a partida municipal do Servizo de Axuda a Domicilio por un importe de máis de 20.000 euros; retomarase o servizo de podoloxía para persoas usuarias de Servizos Sociais ofrecendo máis horas de servizo e chegando a mais usuarios cunha cantidade de case que 14.000 euros.
Tamén se destinará parte do montante ao servizo de Aula de envellecemento activo de maiores nuns 18.000 euros, así como outras partidas para a adquisición de equipamento para desenvolvemento de programas de Servizos Sociais e outros programas que aportarán beneficios aos usuarios dos Servizos Sociais municipais.