O concello de Val do Dubra crea ademais o Consello Local da Infancia e Adolescencia. Dúas medidas aprobadas no último pleno de cara a conseguir o recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia por UNICEF.

Val do Dubra deu un paso decisivo cara a conseguir a declaración de Cidade Amiga da Infancia por UNICEF. O último pleno aprobou por unanimidade o I Plan de Infancia e Adolescencia 2025-2029 e a creación do Consello Local da Infancia e Adolescencia.
Foi un pleno especial no que participou a rapazada do municipio. O novo Consello Local da Infancia, que nace como órgano de participación estable, tivo o seu primeiro protagonismo no pleno, onde as nenas e nenos contaron o traballo realizado durante os últimos meses e presentaron as súas propostas a través dunha pequena representación teatral.
O pleno de Val do Dubra serviu ademais para aprobar a candidatura para ser recoñecido como Cidade Amiga da Infancia por UNICEF. A concelleira de Educación e Cultura, Celsa Oreiro, foi a encargada de presentar o Plan da Infancia, destacando que “non é só un documento institucional, senón unha folla de ruta froito dun compromiso político, ético e social co presente e futuro do noso concello”.
A concelleira de Val do Dubra subliñou que a súa elaboración responde a unha obriga, como recolle a Convención da ONU sobre os Dereitos da Infancia e a Lei Galega 3/2011, e tamén á vontade firme de poñer a infancia no centro das políticas públicas.
O Plan é resultado dun proceso participativo no que estiveron implicados centros educativos, familias, entidades sociais e, sobre todo, os propios nenos e nenas, que trasladaron soños, inquedanzas e necesidades.
Entre as primeiras propostas formuladas pola rapazada de Val do Dubra, que serán valoradas pola administración local, están mellorar o transporte entre aldeas e o núcleo urbano; ampliar as marquesiñas e pasos de peóns; reforzar a limpeza de baños públicos e do pavillón municipal; restaurar a ponte do parque da piscina e instalar barandas no parque do río; mellorar a dieta nos comedores escolares; poñer en marcha un sistema dixital de suxestións para achegar a administración á cidadanía e aumentar a programación cultural e deportiva infantil, con actividades deseñadas coa súa participación directa.
O Consello Local da Infancia terá o seu propio nome, escollido polos propios nenos e nenas, As Telliñas Dubresas, en referencia á Telleira do municipio. Será un espazo de representación real, recoñecendo á mocidade como suxeitos de dereito con voz activa.
No Consello de Val do Dubra participan representantes dos colexios de Portomouro, CEIP Plurilingüe Xacinto Amigo Lera, CPI Bembibre, as ANPAS de cadanseu centro, a escola infantil de Val do Dubra, e entidades como a Asociación Cultural Larada, Vento Libre, a Asociación Medioambiental e Plataforma Niveiro, Asociación de Mulleres Rurais, SD Dubra, Xadrez Val do Dubra e a Asociación Cultural Regueifa.
O regulamento do Consello será levado ao pleno nos vindeiros meses, unha vez superados os trámites administrativos. Trátase dun documento aberto que acollerá a todas as entidades que queiran sumarse.
Durante o pleno o alcalde, Diego Luis Díaz, puxo en valor a importancia da participación activa da mocidade, afirmando: “Vós sodes o presente e o futuro de Val do Dubra, e por iso escoitarvos é a nosa prioridade”.
O voceiro do Partido Popular de Val do Dubra, José Manuel Varela, manifestou o apoio do seu grupo tanto ao Plan da Infancia e Adolescencia como ao Consello Local da Infancia e Adolescencia e convidou a outras asociacións e entidades a sumarse á iniciativa.
Este plan, aprobado por unanimidade, é unha ferramenta clave para coordinar os recursos públicos e deseñar políticas estruturadas e planificadas. Un paso máis para facer de Val do Dubra un concello inclusivo, democrático e pensado para medrar e criarse.
O Concello agradece a todas as persoas, entidades e nenos e nenas que fixeron posible este proceso así como as entidades, familias, persoal técnico… Este paso significa o punto de partida para construír o Val do Dubra do futuro e darlle voz e protección aos nenos e nenas do municipio.