Val do Dubra, 30 de novembro do 2021 – Os socialistas e Son de Val do Dubra esixen do goberno de Val do Dubra que paralice a construción do mirador do Picoto.
O voceiro socialista Diego Luis Díaz explica que “Tiñamos coñecemento de que o Goberno municipal solicitara unha subvención á Xunta de Galicia para levar a cabo un miradoiro no Picoto, por un importe de 48.380,64 euros, sen coñecer máis datos do que querían executar realmente”
Antonio Negreira, voceiro de Son de Val do Dubra e ex alcalde, lembra que eles tiñan un proxecto para facer un miradoiro “unha varanda en pedra que non sería un ataque contra o medio ambiente e que sairía moito máis barata que o que están a facer”.
A oposición quere coñecer a documentación do proxecto e os permisos con que conta. Piden ademais a paralización inmediata da construción pola agresión que supón para o entorno.
O socialista Diego Luis Díaz engade que “Non nos opoñemos a poñer en valor os nosos enclaves naturais, pero sempre que non danen o entorno, polo que temos claro que non imos respaldar un proxecto que destrúa unha das iconas do noso municipio”,
Antonio Negreira pola súa parte explica que “ese lugar só necesita que se limpe e coide, e unha protección acorde ao lugar sen engadir aceiro e cemento como se está a facer”.
O PSOE destaca que a propia resolución da Xunta de Galicia, pola cal se concede a subvención, establece claramente que “só serán subvencionables as obras que utilicen materiais construtivos que permitan a integración armónica e respectuosa coa contorna. Neste sentido, deberá evitarse o uso de asfalto ou de formigón cuando visualmente non se acomoden estéticamente co medio ambiente”.