Do 31 de xullo ao 2 de agosto o concello de Val do Dubra ofrecerá unha programación ampla e variada, pensada para homenaxear ás persoas emigrantes

O Concello de Val do Dubra prepárase para acoller unha nova edición da súa tradicional Festa do Emigrante, que este ano se celebrará os días 31 de xullo, 1 e 2 de agosto. A edición de 2025 chega cunha programación ampla e variada, pensada para ofrecer á veciñanza e visitantes tres días de festa, cultura e lecer.
Xoves, 31 de xullo – XXXVII Festa da Cervexa
A festa en Val do Dubra dará comezo o xoves cun dos eventos máis consolidados: a XXXVII Festa da Cervexa. A partir das 21:00 horas, o escenario principal acollerá as actuacións dos grupos Leite con Jalletas, Dos Hombres y Un Tercio e DJ Mr. Vieito, garantindo unha noite de diversión e bo ambiente para dar a benvida á celebración.
Venres, 1 de agosto – Tradición, humor e verbena
O venres comezará ás 12:00 horas cunha misa solemne, seguida ás 13:00 do acto oficial de inicio das festas diante da Casa do Concello coa agrupación local Regueifa.
Pola tarde, ás 16:30 horas, celebrarase o divertido e esperado Jran Prix, unha actividade participativa que cada ano congrega a grandes e pequenos arredor de probas cheas de risas e complicidade.
As persoas/peñas interesadas en participar no Jran Prix deben inscribirse previamente nun formulario que dará a coñecer nas súas redes a AC Emigrante.
A xornada pecharase pola noite cunha gran verbena a cargo das orquestras Origen, Charleston e Disco EME Music, que farán vibrar a praza ata ben entrada a madrugada.
Sábado, 2 de agosto – Día grande con festa, deporte, maxia e verbena
O sábado 2 será o día grande da Festa do Emigrante, cunha programación continua desde a mañá ata a noite.
Ás 11:00 horas dará comezo o torneo de petanca detrás da rúa Arcai, e ás 12:30 a charanga A Santa Compaña animará o ambiente cun animado pasarrúas. Ás 13:00 terá lugar unha das citas gastronómicas máis populares da festa: a sardiñada popular no Campo da Feira, que continuará coa final do torneo de petanca, de novo acompañada pola charanga.
Pola tarde, ás 17:00, celebrarase un torneo de xadrez na rúa Arcai. Ás 18:00, a maxia chegará da man de Dani García e o seu espectáculo “Maxia entre liñas”, pensado para sorprender a públicos de todas as idades.
Ás 19:00 terá lugar un dos momentos máis esperados: o Torneo de Fútbol Emigrante, que enfrontará á S.D. Dubra co R.C. Deportivo da Coruña na súa categoría xuvenil de división de honra, nun encontro que promete emoción e bo xogo.
A festa culminará cunha espectacular verbena final a partir das 23:00 horas, coa música das orquestras Finisterre, Monoulious DOP e Disco EME Music con Marcos Magán, garantindo unha despedida á altura dunha fin de semana chea de celebracións.
A Festa do Emigrante de Val do Dubra consolidouse como unha das citas máis emblemáticas e agardadas do verán na comarca. Unha celebración que enche as rúas de música, alegría e encontro interxeracional, e que pon en valor o dinamismo, o espírito comunitario e a identidade cultural do pobo dubrés.
Organiza a AC Emigrante en colaboración co Departamento de Cultura do Concello de Val do Dubra.
