Bisbarra, 21 de marzo do 2024 – Do 30 de marzo ao 1 de abril o concello de Val do Dubra organiza as Feiras do Abril que este ano chegarán ás rúas de Bembibre.
As Feiras do Abril cambian de ubicación co obxectivo de dinamizar o centro do concello. Val do Dubra busca que o evento beneficien aos comerciantes locais e artesáns e a hostalería, ao mesmo tempo que á veciñanza e os visitantes.
A presentación das Feiras do Abril de Val do Dubra tivo lugar no concello coa participación de Antonio Leira, deputado provincial, o alcalde Diego Luis Díaz, o primeiro tenente alcalde Antonio Negreira e a concelleira Carmen Vilacoba
Pensando no valor e potencial gandeiro e agrícola da localidade, a cita contará cunha exposición de maquinaria agrícola (sábado e domingo) e unha exhibición de gando (domingo a partir das 10.30 h.) na que participarán gandeiros e gandeiras de Val do Dubra e na que se porá en valor unha das especies protagonistas da zona: a vaca cachena.
Nesta ocasión tamén participarán na exposición cabalos procedentes da Fundación Monte do Gozo – Proxecto Home das Cernadas (Val do Dubra).
A inauguración será o sábado 30 ás 12 do mediodía coa actuación de Regueifa, asociación dubresa de música tradicional. Chegada a hora do xantar, coma en toda feira apreciable non pode faltar a polbeira. Entrados na tarde, o toque de humor poñerao Pepo Suevos, quen ofrecerá un monólogo ás 18.30 h. Á noite, a verbena virá da man da Discomóbil CDC e da Orquestra Metrópolis.
A cativada terá un achegamento aos xogos tradicionais nas dúas xornadas da fin de semana a partir das 17.00 h e, tamén os dous días, haberá demostracións dalgúns dos artesáns, artesás e dos comerciantes participantes. Tamén haberá actividades sorpresa para todos os públicos na xornada de domingo a tarde.
O luns, 1 de abril, chega una cita gastronómica moi agardada: a Festa da Empanada. Será momento de gozar deste manxar tan afamado ao mesmo tempo que, no posto da polbeira, haberá degustación de vaca cachena. A música correrá a cargo do dúo Matices.