Bisbarra, 27 de outubro do 2022 – Os grupos Son de Anova e o PSOE, critican o desprezo do Goberno de Val do Dubra á oposición ao cambiar plenos ou non convocalos sen contar con eles.

A oposición de Val do Dubra explica que a primeiros de outubro o alcalde comunicou que se aprazaría o pleno ordinario para o día 20. Os motivos aducidos eran a ausencia do municipio do alcalde José Manuel Varela, o primeiro tenente de alcalde Oscar del Río, o segundo tenente de alcalde Oscar Viña e a concelleira de servizos sociais Rosa Parafita, ao desprazarse nesas datas ata Italia para traballar nun suposto irmanamento.
Desde a oposición lembra que mentres isto sucedía o persoal do concello seguía sen cobrar o salario de setembro. Unha situación que, engaden, mantense no momento de remitir a nota de prensa este mércores no serán.

En conversa cos voceiros dos grupos da oposición o alcalde indicou que a data na que se celebraría o pleno ordinario suspendido sería o 27 de outubro de 2022 (hoxe mesmo). O Pleno sen embargo non foi convocado e tampouco se produciu ningunha comunicación ao respecto que aclarara os motivos do incumprimento.
Os grupos da oposición nun comunicado din que “acusamos ao Goberno de incorrer nunha ilegalidade, ao saltarse o establecido na normativa vixente respecto as convocatorias dos Plenos Ordinarios. De novo vemos vulnerados os nosos dereitos, cuestión que impide que poidamos desenvolver dun xeito correcto a labor de fiscalización do Goberno e solicitamos, unha vez máis, que deixen de poñer trabas e obstáculos e faciliten o traballo dos representantes elixidos deste Concello”.
Para a oposición de Val do Dubra “ esta nova manobra é unha mostra máis da actitude antidemocrática, e do desprezo do Goberno Local e do alcalde, José Manuel Varela á oposición e á veciñanza dubresa”.