Bisbarra, 3 de outubro do 2023 – O concello de Val do Dubra contará coa colaboración da Deputación para a mellora da travesía de Bembibre que cruza o centro da vil sendo ademais unha estrada provincial, a DP 1914.
A nova foi comunicada polo alcalde Diego Luís Díaz, e o presidente provincial, Valentín González Formoso, quen realizou unha visita institucional ao municipio acompañado da deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e o deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro. Na reunión participou tamén o primeiro tenente de alcalde Antonio Negreira.
O alcalde de Val do Dubra explicou ao presidente “o cambio de condicións” desde a presentación orixinal do proxecto en 2017 e a súa posterior modificación en 2018, que recibiron numerosas alegacións por parte da veciñanza. “Agora contamos con dous aparcamentos grandes nas inmediacións da estrada DP 1914 que resolven o principal problema que preocupaba aos comerciantes e veciños, o da falta de prazas de estacionamento. Cremos que é posible recuperar este proxecto ou un similar, que contribúa tanto á mellora da seguridade vial como da imaxe da zona”, apuntou o alcalde.
Diego Díaz explicou ademais que o goberno municipal contribuiría tamén á mellora do entorno de Bembibre destinando parte dos fondos do Plan Único a mellorar os servizos públicos, como o saneamento e abastecemento de auga.
Formoso destacou que será necesario actualizar o proxecto, tanto nos prezos como nas accións a realizar, e mostrou a disposición da Deputación a colaborar con Val do Dubra nesta actuación, “se conta co apoio da veciñanza e do goberno municipal”.
O proxecto orixinal, cun orzamento previsto de 413.000 euros, recollía a renovación e ampliación das beirarrúas, a pavimentación do vial e a dotación de novo mobiliario urbano, incluindo a prantación de árbores, alumeado e outras medidas destinadas a mellorar a imaxe desta avenida principal, que conta cun elevado tránsito de peóns e vehículos.
Novo terreo no campo de fútbol
A comitiva visitou tamén o campo de fútbol de Tilleira, cuxas obras de renovación do céspede e mellora de accesibilidade foron financiadas con cargo Plan Único (POS+2021) cun investimento de 168.429 euros. O campo conta cun terreo de xogo con herba artificial de última xeración.
Formoso destacou que, nos últimos dous mandatos, o Plan Único da Deputación da Coruña investiu 6,1 millóns de euros no municipio, “financiando un total de 51 obras coma esta que contribúen a mellorar as infraestruturas e servizos públicos e a mellorar a calidade de vida da veciñanza de Val do Dubra”.
Entre esas 51 obras financiadas pola Deputación nos últimos anos en Val do Dubra destacan numerosas pavimentacións e renovación de camiños, estradas e beirarrúas en diferentes núcleos rurais do municipio.