Bisbarra, 23 de xaneiro do 2025 – A loita no concello de Val do Dubra por revocar a sentencia xudicial que autoriza o vertedoiro de NIveiro continúa cunha reunión informativa e unha concentración.

Asociación Medioambiental de Niveiro e o concello de Val do Dubra convocan este encontro o vindeiro día 24, mañá venres, a partir das sete e media da tarde. Primeiro terá lugar unha concentración con cacerolada incluída e despois a reunión informativa.
O encontro contará coa presenza da empresa encargada da elaboración das alegacións municipais, que explicará os detalles do proxecto e os seguintes pasos a seguir no proceso administrativo. Estará na convocatoria tamén o avogado e técnico de ADEGA.
Durante a reunión, o Concello de Val do Dubra facilitará á cidadanía información actualizada sobre a situación e porase á disposición de todas as persoas interesadas un modelo de alegacións individuais, co obxectivo de que cada veciño e veciña poida presentar as súas reclamacións de forma oficial.
O pasado día 14 de xaneiro abriu o prazo de 30 días hábiles para a presentación de alegacións á exposición pública do proxecto de rehabilitación, peche e abandono da explotación mineira de Pedra Facha (autorización número 73), situada no concello de Val do Dubra e promovida pola empresa Francisco Gómez y Cía, S.L..
Durante este período, a documentación pode consultarse na Sección de Minas do Departamento Territorial da Coruña (Edificio Administrativo Monelos, rúa Vicente Ferrer, 2ª planta, 15071 A Coruña), previa solicitude de cita no correo seccion.minas.coruna@xunta.gal ou chamando ao teléfono 981 18 49 13, así como na web da Consellería:
https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/explotac ions-mineiras
Concentración cidadá
Antes da reunión, a Asociación Medioambiental de Niveiro e a Plataforma Niveiro Veciños convocan unha concentración cacerolada en contra do proxecto do vertedoiro.
A mobilización terá lugar o venres 24 ás 19:30 horas diante do Concello de Val do Dubra, onde se fai un chamamento á veciñanza para acudir con cacerolas, tixolas e outros utensilios, co obxectivo de expresar o seu rexeitamento ao proxecto e defender os seus intereses.
O Concello de Val do Dubra anima á participación cidadá tanto na reunión como na concentración, para garantir que se escoite a voz da comunidade neste proceso que afecta o futuro ambiental e social da zona.
A Asociación Medioambiental de Niveiro – Plataforma Niveiro Veciños pon a disposición un número de contacto para máis información 614 217 712.