Diego Luís Díaz, alcalde de Val do Dubra, remitiu unha carta aos rexedores de Trazo, Tordoia, Ames, Santiago, Santa Comba, A Baña, Carballo e Oroso, para informarlles da situación do vertedoiro de Niveiro.

Ademais da ameaza de ALTRI, da que cada día saen novos datos; a Mina de Touro o Pino e o proxecto de reaperturas; ou o limbo no que vive a canteira da Casalonga en Teo; o vertedoiro de Niveiro en Val do Dubra é unha realidade validada nos xulgados.
Na nosa etiqueta Medio Ambiente tes moitos dos procesos destrutivos que se seguen na bisbarra
Ademais de estudar todas as posibilidade legais, e continuar coas mobilizacións, o alcalde, Diego Luís Díaz, ven de remitir unha carta aos alcaldes dos concellos da contorna para informar da situación na actualidade. Unha misiva que comeza “Diríxome a vostede coa finalidade de trasladarlle a problemática e preocupación existentes no noso termo municipal, con motivo da posible instalación dun vertedoiro de residuos na parroquia de Niveiro”.
A carta continúa solicitando “o apoio formal da súa Corporación Local na oposición á dita actuación”. Explica que existen dous proxectos paralelos de dúas empresas distintas: n de “rehabilitación, peche e abandono” e outro de “rexeneración e estudo de impacto ambiental”.
Neste último proxecto a entidade promotora ten proposto a instalación dun vertedoiro de residuos non perigosos que ocuparía o espazo mineiro en desuso da dita canteira e, polo tanto, de considerables dimensións.
A capacidade total proxectada para esta instalación sería de 1.456.046 m3, equivalentes a 1.310.441 toneladas de residuo compacto, cunha entrada anual estimada de residuos de 80.000-100.000 toneladas, e unha duración total da fase de deposición de residuos estimada nun mínimo de 14.6 anos.
A entidade promotora deste proxecto de vertedoiro ten iniciado, xa, ante os órganos competentes da administración autonómica, as actuacións e trámites administrativos correspondentes e requiridos para a súa autorización e efectiva instalación en Val do Dubra.
A carta continúa dicindo que “de autorizarse finalmente a instalación do referido proxecto de vertedoiro, nos termos pretendidos, isto implicaría, tanto para o termo municipal de Val do Dubra como para aqueles próximos, un indiscutible e considerable impacto medio ambiental e socioeconómico, tanto presente como futuro”.
A maiores das evidentes repercusións sobre o territorio e medio natural próximo e directamente relacionadas co depósito de residuos, tamén estarían as asociadas ao incremento exponencial do tráfico de vehículos pesados e ao impacto negativo respecto dos seus recursos económicos, particularmente en concellos, como os afectados, caracterizados pola súa especial riqueza e actividade agroforestal e no ámbito do turismo natural.
O alcalde de Val do Dubra solicita a continuación que “coa finalidade de manifestar o apoio formal e público da súa Corporación Local respecto do rexeitamento a este proxecto de vertedoiro, eleve á deliberación e, de ser o caso, aprobación por parte do seu Pleno Municipal da Declaración Institucional que se achega como anexo ou outra análoga”.
O escrito enviado desde Val do Dubra é unha das medidas de presión impulsada para deter o proxecto. A Veciñanza xa se manifestou en varias ocasións pero en este caso trátase de concienciar a contorna e lembrar que o vertedoiro non afectará só a Val do Dubra.