Bisbarra, 14 de xuño do 2023 – O concello de Val do Dubra é o primeiro en ter un acordo de goberno entre aqueles municipios da bisbarra que manteñen negociacións.
O socialista Diego Díaz será o alcalde e Antonio Negreira de Anova sería, a priori, o primeiro tenente de alcalde. Para hoxe mércores está convocada unha rolda de prensa na que ambas formacións explicarán os detalles do acordo para Val do Dubra.
Diego Díaz chegou ao concello como concelleiro hai catro anos. Durante este mandato compaxinou ese posto co traballo no gabinete de alcaldía de Ames, ao carón do tamén socialista Blas García. En estas eleccións conseguiu tres concelleiros, os mesmos que Anova pero con máis votos o que o converterá en alcalde desbancando ao popular JOsé Manuel Varela. Diego recoñecía para Lindeiros que isto supón un reto persoal
Negociacións fluídas
No resto da bisbarra as negociacións son, en xeral, fluídas e con bo talante. De todos xeitos en algúns concellos os acordos están precisando de máis conversas das que se podería pensar.
En Padrón, como xa se confirmou hai días, a investidura está confirmada pero séguese traballando en puntos de acordo sen que se decidira si haberá, ou non, un goberno de coalición. O relevo no concello en calquera caso non será doado pola falta de colaboración do goberno saínte.
Na Baña, como dicíamos, Psoe e BNG celebraron onte unha conversa e hoxe haberá outra. O BNG reuniuse polo menos nunha ocasión co Partido Popular a petición de esta formación sen que se saiba exactamente as cuestións tratadas.
En Dodro Psoe, Veciños e BNG tratan de reeditar o acordo da pasada lexislatura, que lles daría maioría absoluta. En calquera caso a presenza de Xuntos por Dodro podería permitir acordos puntuais. Aínda que esta formación está integrada por ex membros do Partido Popular o feito de estar fora do partido permítelles actuar con criterio propio.
En Negreira as conversas avanzan a bo ritmo na procura dun acordo de goberno para toda a lexislatura. A investidura de Manuel Ángel Leis non parece comprometida polos acordos xerais en Galicia entre Psoe e BNG pero ambas as dúas formacións buscan un goberno estable.
En Compostela xa parece inevitable un goberno en minoría formado por BNG e Compostela Aberta aínda que as últimas declaracións públicas de Mercedes Rosón non descartaban nada. O Psoe ten que resolver a situación interna a partir de este venres cando sexa unha xestora , presidida por Diego Fernández, a que comece o proceso de renovación de cargos e marque o novo rumbo da agrupación.