Bisbarra, 15 de xuño do 2023 – O socialista Diego Luís Díaz e Antonio Negreira de Anova presentaron en rolda de prensa o que será o goberno dos vindeiros catro anos en Val do Dubra.
Será un goberno similar para os catro anos xa que ambas as dúas forzas descartaron dividir o mandato. Diego Díaz será o alcalde e Antonio Negreira ostentará a primeira tenente de alcaldía. Dase a circunstancia de que o goberno terá dous segundos tenentes de alcaldes que serán irmáns. Iván Barcia de Anova e Tania Barcia do Psoe concorrerón ás eleccións como números dous das súas candidaturas.
Resultado similar
Diego Díaz agradeceu a boa disposición de Anova para chegar a un acordo, e en especial a Antonio Negreira, porque a diferencia en votos foi mínima. Lembrou ademais que era a primeira vez en Val do Dubra que a esquerda acadaba unha maioría absoluta.
Pola súa banda Antonio Negreira explicou que a situación histórica do concello era mala e había un mandato claro dos veciños para chegar a acordos. Engadiu que a asemblea de Anova nunca considerou dividir o goberno en dous anos para cada partido xa que podería entenderse como un interese persoal.
Anova encargarase de áreas como obras, educación e cultura, emprego, medio rural, patrimonio e innovación. Pola súa banda o Psoe xestionará concellarías dedicas á administración xeral, servizos sociais, turismo, comercio ou medio ambiente.
Incógnita en Ames
Esta mañá está convocada unha rolda de prensa en Ames por parte do partido socialista. Algunhas fontes consultada por Lindeiros apuntan a que o grupo socialista podería optar por un goberno en minoría.
A última reunión mantida por ambas as dúas formacións tivo lugar hai unha semana sen que desde entón volverán a falar. Na semana seguinte ás eleccións Blas García mantivera tamén unha reunión con Oliva Agra do Partido Popular aínda que non transcenderan as materias tratadas.