Bisbarra, 21 de novembro do 2023 – A Asociación Cultural Vagalumes, da Estrada, ven de presentar a VI Mostra de Teatro Escolar Olimpio Arca Caldas.

Olimpio Arca foi un mestre que ao longo da súa dilatada carreira recibiu numerosos premios pola súa labor máis alá das aulas. Entre eles recibiu o Premio de Teatro Escolar que convocaba a Delegación de Xuventude nos anos 1973, 74 e 76. Esta mostra, que serve de homenaxe a Olimpio, levarase a cabo o 27 e 28 de novembro ás 18:30 h. no Teatro Principal da Estrada.
O luns 27 as seis e media da tarde o CEIP do Foxo representará “Sobrevoando a Estrada”. O CEIP Villar Paramá “O tupé non era tal”. Baseada no libro/conto A voda do galo Pinto. O CEIP Pérez Viondi “Dez Vagalumes” de Xoán Babarro. Finalmente o IES Antonio Losada Diéguez porá en escena “Eu tamén fixen ouigha co espírito de Castelao”. Adaptación de relato de Séchu Sende.
O martes 28 á mesma hora representaranse “A propósito dos bicos..” do CEIP Figueiroa. “Xuntos podemos” do CEIP Cabada Vázquez. “A viaxe de farrapos” de Carlos Labraña. Co CEIP Oca. E finalmente “Mundo Refugallo”, unha adaptación de dúas obras de Paula Carballeira “Somos os monstros” e ” O refugallo” a cargo do IES Nº 1. A entrada é libre e gratuíta e Vagalume convida a asistir a toda a veciñanza da comarca para gozar do teatro e apreciar o talento da rapazada e do profesorado que os dinamiza e se implica nesta tarefa tan importante para o seu desenvolvemento persoal e emocional.