Compostela, 12 de xuño do 2019 – Santiago ten unha importante actividade de teatro amador nos centros cívicos que desde o día 17 será mostrada no Teatro Principal.
O traballo nos centros cívicos da cidade esta formada este ano a 15 montaxes. Do 17 ao 22 presentaranse os traballos dos clubs de teatro do Ensanche, O Romaño, Castiñeiriño, A Rocha, Santa Marta, Fontiñas e Conxo.
A concelleira de área, Concha Fernández presentou esta V Mostra de Teatro acompañada polo coordinador, o director teatral Xurxo Barcala. A concelleira salientou que este certame “supón unha grande oportunidade para todas as persoas que integran os grupos de teatro afeccionado xurdidos nos barrios e parroquias de Compostela, que poden mostrar o seu traballo no escenario máis emblemático de Santiago”.
Concha Fernández apuntou que “aínda que o certame comezou en 2015, as primeiras edicións desenvolvéronse nos centros cívicos de Santa Marta e Vite, e foi en 2017 cando se deu un salto cualitativa na Mostra co seu traslado ao Principal”. Na edición do ano pasado, participaron oito centros, con case 100 integrantes; e nesta edición vanse superar esas cifras, con 11 clubs de teatro e 143 integrantes. En total, nas cinco edicións do certame terán participado máis de 550 persoas.
Pola súa banda, Xurxo Barcala mostrou o seu desexo de que a Mostra se manteña e se reforce no Teatro Principal porque “nestas edicións vimos que ten un carácter motivador para as persoas que fan teatro nos centros cívicos, que dignifica o seu traballo, e que supón un importante punto de encontro para os grupos e para os públicos”.
Programación
A V Mostra de Teatro dos Centros Cívicos arrincará o luns 17 de xuño cunha sesión de teatro infantil ás 18:00 horas, na que se poderán ver as propostas dos clubs de teatro infantil do Castiñeiriño, A historia de Jack Esparrago; e do Ensanche, O secuestro da bibliotecaria. Na sesión das 21:00 horas, xa para adultos, actuarán o Club de Teatro do Ensanche, que presentará Monstros; e o da Rocha, con A touro pasado.
O martes 18 de xuño haberá unha única sesión ás 21:00 horas, na que participarán o Club de Teatro do Romaño, coa montaxe Desastroso; e o Club do Castiñeiriño, con Cuadros de amor y humor al fresco. Ao día seguinte, regresará o teatro infantil na sesión das 18:00 horas. Os clubs de teatro infantil de Conxo representarán ata tres montaxes: Os tres porquiños, A historia verdadeira de excelente da consentida e belida dormente, e Mórdeme. Completará a sesión o Club de Teatro de Santa Marta, con Veredicto.
O xoves 20 de xuño haberá novamente dobre sesión: ás 18:00 horas para os nenos e nenas, con A maxia branca, maxia negra, do Club de Teatro Infantil de Fontiñas; e ás 21:00 horas, dende o mesmo centro cívico, coas obras para adultos A praga e Trifurca. O venres 21 de xuño poderase ver unha única montaxe, ás 21:00 horas, Amores, do Club de Teatro do Centro Xove da Almáciga; e a mostra pecharase o sábado 22 de xuño coa peza Un alto no camiño, do Club de Teatro de Vite, a partir das 21:00 horas.