Compostela, 9 de decembro do 2017 – Investigadores da Facultade de Económicas da USC veñen de propoñer unha serie de medidas para mellorar a xestión turística en Compostela.
Aproximadamente o 33% dos visitantes que chegan a Santiago son excursionistas, persoas que permanecen unha media de entre 6 e 7 horas na cidade sen facer noite. O 66% por cento restante, os considerados turistas, rexistran unha estadía media de arredor de 2,5 noites. Os profesores da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais Xosé Antón Rodríguez, Fidel Martínez-Roget e Pilar González-Murías recollen estes datos nun traballo publicado na revista Annals of Turism Research sobre a duración das estadías dos visitantes que chegan a Santiago ao tempo que fan unha serie de recomendacións para unha planificación turística efectiva e medio e longo prazo.
Dentro desta dualidade entre excursionistas e turistas, a investigación da xestión turística identifica tres perfís específicos de visitantes de Compostela: visitantes de menos dun día, turistas de curta estancia e os/as de estadías relativamente máis longas. Os resultados “suxiren que no primeiro caso son persoas novas ou xubiladas que viaxan por ocio maioritariamente, en grupos organizados por terceiros e cuxo destino principal non é a cidade”. O turista de curta estancia visita Santiago “principalmente con fins relixiosos ou de peregrinación, organizou a viaxe de xeito independente, non está xubilado e ten un nivel de educación medio-alto”. Finalmente, o terceiro colectivo identificado “viaxa a Santiago principalmente por motivos de negocios ou congresos e ten a cidade como principal destino da viaxe, elixe o transporte público, é probable que proceda do exterior da Península Ibérica e a súa decisión, a miúdo está influenciada polo atractivo e a promoción do destino”, explican os investigadores.
Á vista destes perfís e coa finalidade de aproveitar “todo el potencial de Santiago de Compostela como destino turístico” o equipo responsable do traballo apunta que “a industria e os responsables políticos deben ter en conta que o obxectivo estratéxico da cidade debe ser dobre: alentar aos excursionistas a quedarse polo menos unha noite e aumentar a estadía media dos turistas”.
Entre outras propostas, os autores do traballo suxiren que “para continuar mellorando o atractivo xeral da cidade é necesario aumentar a relación calidade-prezo dos servizos dispoñibles”. Para logralo, os investigadores consideran necesario proporcionar aos traballadores do sector capacitación en idiomas, xestión ambiental, innovación ou novas técnicas de venta, entre outros. A investigación tamén lembra que “a promoción efectiva require o uso de novas tecnoloxías e accións coordinadas de promoción en tres niveis: entre os diversos axentes públicos, entre os compoñentes do sector privado, e entre axentes públicos e privados”.
Propostas por colectivos
Os investigadores deducen dous efectos importantes para a cidade derivados da diferenza de permanencia de excursionistas e turistas. En termos de gasto “un só turista equivale aproximadamente a cinco excursionistas e estes últimos ocasionan relativamente máis impactos negativos que os primeiros”. Tanto para conseguir que os excursionistas durman polo menos unha noite como para ampliar a estadía media dos turistas a investigación céntrase nas particularidades de cada colectivo. No dos excursionistas, xente nova e persoas xubiladas, a investigación sinala a inexistencia de programas específicos dirixidos a estes grupos. Exemplos de medidas dirixidas a estes visitantes son, no caso dos máis novos, “a organización de actividades e eventos como concertos, festivais de música e series de teatro e, para os visitantes de máis idade, mercados e actividades relacionadas coa cultura, cociña e produtos tradicionais de Santiago e Galicia”.
Como propostas para aumentar a estadía media, o equipo de Ciencias Económicas propón mellorar a xestión turística fortalecer o turismo internacional, fomentar o turismo de negocios e congresos ou promover o emprazamento xeográfico de Santiago no centro de Galicia como base para desprazamento para outras atracción turísticas da comunidade. Completando o conxunto, o traballo considera igualmente esencial fortalecer as liñas estables de transporte público e, en particular, a conectividade do aeroporto compostelán.
Metodoloxía novidosa
As propostas deste equipo acaban de facerse públicas na revista Annals of Turism Research, unha das publicacións máis importantes a nivel mundial nos estudos de turismo. Para o establecemento de estratexias de política turística que posibiliten o obxectivo proposto, o equipo de Ciencias Económicas utilizou os modelos de selección de Heckman. Como explica Xosé Antón Rodríguez esta metodoloxía é “moi habitual noutros campos da economía pero é a primeira vez que se utiliza no ámbito da análise da duración das estadías turísticas”.
Os modelos de selección resultan “especialmente útiles” porque permiten determinar os factores significativos que condicionan o feito de que un visitante sexa excursionista ou turista, “polo que, son susceptibles de ser utilizados en todos os destinos turísticos nos que a presenza de excursionistas sexa significativa”, explican os investigadores.