Compostela, 2 de abril do 2024 – A universidade de Santiago de Compostela, USC, centra a súa actividade cultural do mes de abril no teatro con dous festivais en Santiago e Lugo.
A Aula de Teatro da USC desenvolverá en Lugo o Festival de Teatro Universitario e uns días despois en Compostela a Mostra de Teatro Universitario de Galicia. Estas dúas citas completaranse con varios obradoiros de arte escénica, a iniciativa ‘escaparArte’ e a presentación do exercicio final da Escola de Teatro.
Mostra de Teatro Universitario de Galicia
A partir do día 22 desenvolverase en Santiago a XXII Mostra de Teatro Universitario de Galicia, coa participación das compañías da USC Calopsia Teatro, El Enredo, Brinco de Venus, Compañía de teatro da USC-Campus de Lugo e Aula de Teatro da USC, o grupo Maricastaña e a compañía independente da USC LaBarata Producións.
As obras dos días 22, 23, 24 e 30 de abril serán ás 20:30 horas no Teatro Principal, mentres que as funcións dos días 26, 27 e 29 serán na Sala Roberto Vidal Bolaño ás 21:00 horas. A entrada é tamén de balde, previo paso pola billeteira.
Actividades complementarias
O programa para este mes de abril contempla tamén os obradoiros de arte escénica, que iniciará en Compostela Rebeca Montero cun de interpretación entre os días 10 e 14 de abril e continuará con outro de clown da man de Marián Bañobre entre o día 17 e o 21. O prazo de inscrición en liña nestes obradoiros está xa aberto a través do enderezo marea.cultura@usc.gal
Este abril escénico complétase coa iniciativa participativa ‘EscaparArte’, que contempla a intervención de diversos artistas en distintos escaparates de establecementos comerciais do casco histórico de Lugo.
Por último, ‘Variacións Goldberg sobre homes, cans e Matías Galetto (con doble “t” de trava, hijo de puta)’ é o título da obra que estreará o 16 de abril a Escola de Teatro da USC como parte do exercicio final. Haberá dous pases, ás 19:30 e ás 20:30 horas na Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño.