займ срочно

A universidade presentou o novo regulamento para a asignación de cátedras

0

Compostela, 12 de xullo do 2018 –  O Consello de Goberno da Universidade de Santiago aprobou este martes un novo regulamento para a asignación de cátedras ás áreas de coñecemento pola quenda de promoción interna.

Este e outros acordos tomados onte explicounos en rolda de prensa o reitor Antonio López, que estivo acompañado polo vicerreitor de Profesorado, Ernesto González, a vicerreitora de Titulacións, Victoria Otero, e a secretaria xeral, Dulce García. En palabras do Reitor o regulamento deseña un procedemento de asignación baseado en novos criterios “claros, obxectivos, transparentes e estables” cos que se pretende garantir, por unha banda, que o profesorado acreditado teña unha oportunidade para promocionar a cátedra e, por outra, “ofrecerlle a este persoal unha expectativa razoable acerca do momento en que a Universidade lle vai proporcionar esta oportunidade”.

A convocatoria, que recollerá as 15 cátedras xa previstas na OPE correspondente a este ano, porase en marcha inmediatamente co fin de que poida estar resolta contra finais de ano. En calquera caso, matizou o reitor, “é intención do equipo reitoral presentar un plan plurianual que permita dar saída ao importante contixente de persoal acreditado con que conta a institución, arredor de 150 persoas”. Coa aprobación desta normativa, o novo equipo de goberno universitario fai así efectivo un dos seus compromisos electorais, como era o de impulsar, con carácter xeral, a promoción académica dos membros do persoal docente e investigador, e en particular o dos acreditados aos diversos corpos docentes.

Axudas á investigación

Na sesión deste martes, no Consello de Goberno tratáronse ademais varios programas para financiar investigación por importe superior ao millón de euros. O fondo máis importante, do que informou o reitor, está dotado con 800.000 euros financiados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e destínase a cubrir a actividade de grupos de referencia e de potencial crecemento sen axudas activas en 2018.

Unha segunda liña aprobada onte é a correspondente ás Axudas Xerais da USC e está dotada con 235.000 euros co financiados polo Banco Santander, pola Vicerreitoría de Estudantes e Internacionalización e pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no marco do convenio de colaboración asinado para mellorar a presenza da USC nos ránkings internacionais.

Estas axudas destinaranse ao financiamento, por unha banda, de obras de acondicionamento ou renovación de equipamento científico e, pola outra, de publicacións en aberto no Q1 das revistas científicas do JCR, de publicacións en Nature e Science e de axudas adicionais directas a aqueles grupos da USC cuxos membros estean rexistrados en plataformas como ORCID, que contribúen a visibilizar e difundir os resultados de investigación.

Outra liña diríxese a financiar accións de potenciación do Campus Terra e do Campus da Cidadanía. Por un importe de 65.000 euros, fináncianse a través do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a USC para o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D do ano 2018.

Trátase de favorecer a integración de cada un destes campus a través do financiamento de accións de fomento da cooperación entre grupos de áreas científicas diferentes e de desenvolvemento de novas liñas e capacidades colaborativas. Ademais, hai axudas para cubrir gastos de mobilidade de doutorandos e investigadores da USC e a recepción de investigadores visitantes.

Axudas César Oro e José García Oro

Na mesma sesión deuse o visto bo á creación das axudas ‘César Oro e José García Oro’ co que se dá cumprimento ao legado testamentario do profesor César Oro, catedrático de literatura galego portuguesa e hispánica na Howard University falecido o 16 de marzo de 2013 en Washington.

O profesor Oro legou no seu testamento unha cuarta parte dos seus bens á Universidade de Santiago de Compostela para crear un fondo de axuda para estudantes de doutoramento das áreas de Filoloxía, Historia e Xeografía.

Fieis ao espírito do outorgante, a USC destina así este legado á creación de axudas que favorezan a mobilidade de estudantes dos programas de doutoramento citados, e que inclúen axudas para a participación en congresos e reunións científicas e para a realización de estadías curtas de investigación noutros centros, arquivos e bibliotecas.

Profesores eméritos

O Consello decidiu ademais nomear profesores eméritos aos docentes Alfredo Campos García, María Teresa Fanego Lema, Felipe Macías Vázquez, Víctor Mosquera Tallón, Antonio Mouriño Mosquera e Ricardo Jesús Riguera Vega.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies