Compostela, 11 de marzo do 2024 – A Universidade de Santiago de Compostela abre a mostra “A muller que son” na igrexa da Universidade.
Unha exposición que recolle o traballo de sete arquitectas de orixe romanés. Segundo a vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade, Pilar Murias, trátase dunha exposición que mostra que “A arquitectura é unha arte que impacta na vida das persoas”.
A exposición, que se poderá ver ata o 8 de abril na Igrexa da Universidade, foi inaugurada por Murias na compaña da directora do Instituto Cultural Romanés de Madrid, María Floarea Pop; polo presidente do Colexio Oficial de Arquitectos de Santiago, Ángel Cid; polo responsable da Área de Cultura do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Luis Gil e polo cónsul honorario de Romanía en Galicia, Diego Esquer.
Pilar Murias asegurou que a exposición é “un recoñecemento á comunidade romanesa asentada en España e en Galicia” e lembrou que desde a USC hai colaboración con universidades romanesas a través do programa Erasmus ou programas europeos. Así mesmo, recalcou que a mostra supón “unha recuperación do labor dunhas arquitectas que non foi resaltado no seu momento”.
A mostra homenaxe o traballo e as figuras da raíña María de Romanía, que aínda non sendo propiamente unha arquitecta puxo as bases na sociedade para que puideran traballar nese eido as seis arquitectas que canda ela protagonizan a exposición: Virginia Andreescu Haret, Henrietta Delavrancea, Ioana Grigorescu, Silvia Demeter-Lowe, Eliza Yokina e Ilinca Păun Constantinescu.
Comisariada pola presidenta da Unión de Arquitectos de Romanía (UAR), a arquitecta Ileana Tureanu, a exposición presenta, mediante unha selección de fotografías e textos, maquetas e obxectos, a actividade das arquitectas de Romanía, desde as pioneiras da arquitectura romanesa do período de entreguerras e posbélico, ata os nomes máis representativos das novas xeracións.