Ames, 11/06/2026 – A novena edición do Ames Jazz ven de ser presentada polo concello e terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns os vindeiros 3 e 4 de xullo. Contará coas actuacións de Manuel Cebrián Trío, Suelen Estar Quartet e MBM Trío.
O alcalde de Ames, Blas García, sinalou que “dende o principio decidimos apostar polo jazz e xa imos pola novena edición”, xa que “cremos realmente que toda a cultura é importante e dende as administracións debemos de traballar e apoiar todas as expresións culturais”.
O director artístico do festival, Xacobe Martínez, quixo recalcar que “nos acostumamos rápido ao bo, pero hai que poñer en valor o feito de ter unha cita co apoio do Concello e a súa aposta decidida pola cultura”. Algo que secundou o integrante de MBM Trío, Antonio Bravo, quen mencionou que “non existen en Galicia tantos espazos nin festivais de jazz tan interesantes coma este. Que haxa concellos pequenos con estes espazos é moi importante, nos que poder presentar a túa proposta con total liberdade”. Pechou a rolda de declaracións Manuel Cebrián, quen deu as grazas “por apostar polo jazz e programar cultura, que nestes tempos é moi importante”.

Programación do Ames Jazz 2026
Esta novena edición do festival abrirase o vindeiro venres, 3 de xullo, coa actuación de Manuel Cebrián Trío ás 22.00 horas no Pazo da Peregrina. O proxecto liderado polo guitarrista e compositor Manuel Cebrián, xunto a Paco Charlín no contrabaixo e David Puíme na batería achega unha proposta musical inspirada na familia, a natureza, a vida e a morte, un jazz vibrante cun son netamente acústico.
Xa o sábado, a xornada abrirase cunha sesión vermú a cargo de Suelen Estar Quartet, ás 13.30 horas no bar O Transistor. Sen partituras pero herdeiros da tradición clásica e influenciados por estilos musicais diversos, Suelen Estar Quartet preséntase como unha formación pioneira da escena nacional que basea as súas interpretacións da libre improvisación sobre os instrumentos clásicos de corda.
Pola tarde, ás 19.00 horas, chegará unha das principais novidades desta edición: o ensaio aberto da Orquestra Galega de Liberación, no paseo do Rego do Ameneiral. A OGL presenta un ensemble dunha vintena de músicos residentes en Galicia reunidos en torno á música de vangarda, á busca de novas formas de creación espontánea, e á improvisación como fonte de investigación. Teñen 3 discos publicados no mercado.

Pechará o festival MBM Trío, ás 22.00 horas, no Pazo da Peregrina. Esta é unha agrupación formada por Baldo Martínez, Antonio Bravo e Lucía Martínez e supón unha das grandes achegas ao jazz contemporáneo galego. A frescura e riqueza da súa música fan desta unha proposta máis sedutoras, tamén, da actual escena jazzística estatal. O obxectivo da súa música é explorar diversas facetas dentro da improvisación, que van dende marcos con certa densidade harmónica e rítmica ata campos mais próximos ao free jazz e incursións na libre improvisación.




