Compostela, 23 de novembro do 2018 – Concello de Santiago e Deputación da Coruña impulsan xunto con outras institucións o proxecto Unha Gran Burla Negra que recupera a Plataforma do mesmo nome nacida do desastre do Prestige.
O 25 de novembro de 2002, aos poucos días do afundimento do Prestige, nacía no Auditorio de Galicia a Plataforma contra a Burla Negra. Dezaseis anos despois, o próximo venres, ese mesmo espazo acollerá a inauguración dun proxecto que quere reflexionar sobre o que supuxo ese movemento e elaborar o seu arquivo cultural baixo o nome de Unha Gran Burla Negra. Creatividade popular e memoria do Prestige (2002-2019).
O alcalde, Martiño Noriega, presentou o proxecto nunha rolda de prensa na que tamén participaron a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o coordinador do proxecto, Jorge Linheira, e o comisario, Daniel López Abal. O alcalde lembrou que “Nunca Máis foi unha resposta colectiva de dignidade e supervivencia, das mesmas persoas que primeiro tiveron que intentar parar a marea negra do Prestige cos seus propios medios, e que despois gardaron forzas para a reivindicación”.
Dentro dese movemento, salientou Martiño Noriega, “a Plataforma Burla Negra foi quen de converter en virais novas formas de protesta populares que foron, ao tempo, verdadeiras revolucións culturais”. Nesa liña, lembrou accións coma “o peche na Casa da Cultura de Laxe, a Marea Gaiteira en Compostela, o velorio do mar na praia coruñesa do Orzán, a manifestación das maletas, tamén na Coruña, ou O País de Nunca Máis”. O alcalde reivindicou a importancia do proxecto presentado hoxe para “analizar o que pasou dende a perspectiva que dan os 16 anos transcorridos, e para crear un arquivo que axude a gardar o coñecemento xerado naquela revolución iniciada coa catástrofe do Prestige e que nos cambiou para sempre”.
O coordinador do proxecto, Jorge Linheira, explicou que “é preciso investigar e poñer en valor todo o que rodeou a Plataforma contra a Burla Negra, porque ao redor do movemento do Nunca Máis produciuse unha gran revolución cultural que posteriormente se reproduciu no eido das protestas pacifistas e ecoloxistas e mesmo no 15-M”.
Exposicións e mesas redondas
Unha Gran Burla Negra. Creatividade popular e memoria do Prestige (2002-2019) botará a andar de maneira oficial o próximo venres, nun acto que se vai celebrar no Auditorio de Galicia a partir das 16:30 horas. Alí, Jorge Linheira dará a coñecer os detalles do proxecto, antes da conferencia inaugural que correrá a cargo de Germán Labrador Méndez, profesor titular da Universidade de Princeton. Posteriormente, celebrarase unha mesa redonda sobre “A acción creativa nos procesos de mobilización social e política”, na que está prevista a participación de Julia Ramírez Blanco, profesora de Historia da Arte na Universidade de Barcelona; María Ruido, realizadora e artista visual; e Tojo Carbajo, fotógrafo e membro do colectivo Fotomovimiento.
Despois desta primeira presentación o venres, o proxecto chegará con mesas redondas e exposicións a outras localidades galegas. Así, está prevista a estrea dunha curta documental sobre a Burla Negra o 30 de novembro na Pobra do Caramiñal; unha exposición no Palexco da Coruña comisariada por Radio Buguina, a partir do 17 de xaneiro; ou unha mesa de debate no Salón de Plenos de María Pita o 24 de xaneiro, coincidindo co aniversario do Consello de Ministros que se celebrou na Coruña tras o afundimento do Prestige. Tamén haberá unha exposición na igrexa da Universidade en Compostela, que se poderá visitar a partir do 25 de xaneiro de 2019.
Arquivo e III Foro Negro da Cultura
Unha das grandes apostas do proxecto Unha Gran Burla Negra. Creatividade popular e memoria do Prestige (2002-2019) é a creación dun arquivo que permita conservar e acceder a todos os materiais que xurdiron da Plataforma. Segundo explicou Linheira, “será un arquivo vivo, que se irá actualizando continuamente coas achegas que poidan facer persoas individuais, e que ficará accesible para calquera a través da web do proxecto e tamén na Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago”.
Tamén ao abeiro deste proxecto, o próximo 15 de decembro vaise celebrar no Auditorio de Galicia o III Foro Negro da Cultura, “15 anos despois daquel primeiro foro de 2003 que pretendía crear un espazo de encontro para o sector da cultura, que demandaba unha política cultural democrática e unha rede de difusión que chegara a todo o país”. Segundo Jorge Linheira, “as demandas non mudaron moito neste tempo, e así se vai poder comprobar no encontro, que estará coordinado por Ania González e Horacio González”.