Arzúa, 4 de marzo do 2021 – A Festa do Queixo foi das últimas en celebrarse antes da pandemia, a de este ano non faltará a cita pero será sen dúbida moi distinta.
O concello de Arzúa engadiu ao nome “edición XS” para deixar claro que a cuadraxésimo sexta edición da Festa do Queixo non é ana que pensaba cando rematou a do 2020.
Dedicada aos nenos
Aínda coas restricións a Festa do Queixo terá 46º edición que será online na súa totalidade e estará dedicada aos nenos. O XS do nome fai referencia á redución do programa e precisamente estar pensada para os cativos.
Todo o programa retransmitirase en directo por medio da web da Festa .Comeza este sábado día 6 cun pregón compartido, protagonizado e escrito de xeito colaborativo polo alumnado dos centros educativos de Arzúa. O protagonismo no pregón deste ano quíxose que fose para os escolares, que tan ben o están a facer nestes tempos difíciles, e a toda a comunidade educativa en xeral por todos os esforzos.
Cada un dos cursos, elixido polo propio centro, redactou unha parte do pregón para que sexa continuado polo seguinte. O pregón completo será lido desde a capela da Madanela por un representante de cada centro.
O programa continúa esa mesma mañá co showcooking “Desde Arzúa, con amor e queixo”, levado a cabo por tres restaurantes e un centro educativo arzuán. O sábado 6 desde as 12 h, abrirán as demostracións os restaurantes 1930 Hotel Boutique e Casa Chelo. Nelssy Soriano preparará “O Tótem, un entrepan de dobre tradición galega”. A continuación, María José Sanmartín de Casa Chelo, será a cociñeira encargada de pechar as demostracións do sábado preparando unha “diferente ensalada temperada con sardiñas afumadas e queixo de Arzúa”.
Domingo
O domingo 7, a demostración de cociña terá tamén lugar desde o recinto feiral. Ás 12 h a quenda correrá a cargo de Pilar Rodríguez do restaurante Fonte do Picho, situado no Pazo Santa María, coa receita “Arroz meloso con polbo e queixo Arzúa-Ulloa”. Para rematar, Luisa Sánchez e María García da EFA Piñeiral, prepararán a una doce sobremesa amosándonos a receita “Doces campos de Arzúa-Ulloa”.
Na tarde do sábado, ás 18 h terá lugar a charla “Os queixos galegos no tempo da COVID” no set instalado na Capela da Madanela, un debate entre os representantes dos catro Consellos Reguladores dos queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida, Arzúa-Ulloa, San Simón
da Costa, Queixo Tetilla e Queixo do Cebreiro. A organización considerou citar en Arzúa aos catro representantes dos nosos queixos con DOP xa que nestes tempos esta actividade pode ser unha boa oportunidade de promoción a nivel nacional e internacional a través da rede.
Concertos
No eido musical o Festival do queixo tamén celebrará dous concertos, un para rematar cada xornada. Ortiga pechará a xornada do sábado 6 ás 21 h. Este artista compostelán contemporáneo aposta por novos sons e conta cunha gran proxección a nivel estatal. Presentou recentemente o seu álbum debut “Chicho & sus chichas”, e como di el mesmo “se sentes un escozor, non chames ao doutor: escoita a Ortiga”. Aos puntos cegos da pena, Ortiga púxolles tiriñas que cheiran a cumbia millennial, autotune a feira, merengue diabólico e transversalidade sonora. Tan preto de Elvis Crespo, Os Merlos e Kinito Méndez como de Metallica e Slash.
Ortiga dispara sonoridades tropicais a través dunha auténtica fábrica de baile millennial que, no canto de mirar ao Caribe, mira á Ría de Pontevedra e á praia de Porto do Son. Xa cho canta a propio Ortiga nunha das súas cancións; pero, por se non te dabas conta, que saibas que hai unha planta que a ti che encanta: a ortiga.
Alma dueto pechará esta edición o domingo 7 ás 18 h. O dúo está formado por Alejandro González e Maya Grillo debuta en 2013 en Cuba e a súa traxectoria artística despunta na República Dominicana. Reúnen unha longa experiencia musical, tanto no ensino da guitarra como na súa interpretación, calidade que lles permitiu levar a cabo este formato. O seu repertorio esténdese a máis dun centenar de pezas, con múltiples combinacións das súas guitarras e voces, tanto da música internacional como dos xéneros autóctonos cubanos. Ademais das obras orixinais para dúas guitarras, habituais nos grandes eventos guitarrísticos, teñen versións das cancións máis populares arranxadas para guitarra soa, dúas guitarras ou guitarra e voz.