As veces un mal menor e mellor que insistir en situacións críticas. Os traballadores dos Centros Socioculturais, os CSC, de Compostela levan meses sen cobrar pero seguen cumprindo co seu traballo.
Nunha situación así o goberno municipal de Compostela decidiu suspender o servizo ata resolver a crise provocada pola renuncia de EULEN. Esta suspensión permitirá que os traballadores pasen o paro e, cando menos, comecen a cobrar algunha prestación.
Este paso ao paro non impedirá que, no momento de que a xestión pase a unha nova empresa sexan subrogados. Os cambios na Lei garanten que sexan contratados pola nova empresa.
En calquera caso non son todos os servizos dos csc de Compostela os que quedan suspendidos. Manteranse as actividades organizadas polo propio departamento municipal, as correspondentes ao contrato de xestión da biblioteca municipal José Saramago, e as impulsadas por diferentes entidades sociais e asociacións veciñais.
Xan Duro recoñeceu que “o impacto será importante, a medida afectará sobre todo ás aulas de xogo, ás aulas de informática e as actividades de dinamización” e pediu desculpas a todas as persoas afectadas “por unha situación á que non queriamos chegar”.
Tamén adiantou que se procurarán todas as vías para a devolución dos importes xa abonados polas persoas usuarias ou para a compensación polas actividades canceladas unha vez entre en vigor o novo contrato.
Cambio de empresa e penalizacións
O concelleiro responsable en Compostela dos csc, Xan Duro, confesa na rolda de prensa que a decisión de suspender o servizo “levoume media vida” pero o fixo consciente de que era a mellor solución, en especial para os traballadores, dada a situación.
No que compete aos que se presentaron á licitación o goberno tomará coñecemento da renuncia de EULEN nunha xunta de goberno local e encargará á mesa de contratación que inicie o proceso para a adxudicación a “Os Ventos” segunda empresa en puntuación.
Ao mesmo tempo pedirá os informes técnicos necesarios para saber que penalidade pode reclamar a EULEN. Duro explicou que no momento que unha empresa presenta unha oferta a unha licitación responsabilízase dela se resulta ser a adxudicataria.
Xan Duro reiterou que a decisión de EULEN de non asinar o contrato do que fora adxudicataria “é irresponsable e non está xustificada, e así o indican as primeiras análises técnicas que apuntan a que a falta de formalización do contrato é imputable á empresa”.
Neste sentido, o concelleiro referiuse aos dous argumentos de EULEN no seu escrito de renuncia: as nóminas que a actual empresa lle debe ao persoal, e a demanda interposta pola representación sindical das traballadoras para solicitar un cambio no convenio colectivo de aplicación no contrato.
No que ten que ver coas nóminas, Xan Duro explicou que “no momento da licitación e durante o prazo de presentación de ofertas non existía débeda salarial certa, vencida e esixible por parte da empresa contratista saínte, porque os pregos en vigor sinalan que o atraso debía ser de máis de dúas nóminas”.
Ademais, insistiu en que “o Concello de Santiago actuou conforme a dereito, activando os mecanismos previstos na Lei de Contratos e retendo as facturas pendentes á empresa para garantir o pago dos salarios por un importe de máis de 180.000 euros, unha cifra superior á débeda estimada por EULEN”.
A maiores, o concelleiro explicou que “nas reunións que mantivemos coa empresa ao longo do mes de xaneiro, despois da adxudicación do contrato en Xunta de Goberno, informamos da situación das nóminas e tamén dos mecanismos activados para o seu pago e aclaramos que en ningún caso sería EULEN a que tería que facerse cargo do seu abono”.
En canto ao procedemento xudicial iniciado pola representación sindical das traballadoras para reclamar que lles sexa aplicado o IV Convenio colectivo de eventos, servizos e producións culturais de Galicia, e non o III Convenio colectivo do sector ocio e animación sociocultural que se contempla nos pregos e que é o que lle foi de aplicación ao persoal de centros socioculturais ata o de agora, tamén na anterior licitación, o concelleiro explicou que “os técnicos entenden que esta é unha demanda xudicial pendente de resolución, e polo tanto non é unha condición laboral firme e aplicable para determinar os custos de persoal nos pregos”.
