Arzúa, 3 de maio do 2021 – O concello de Arzúa ven de presentar a programación de actividdes do mes de maio que continúa a iniciativa Primavera Cultural.
A edil de Cultura de Arzúa, Aurora Varela, foi a encargada de explicar as distintas propostas que estarán centradas, en boa parte, no Día das Letras Galegas.
A primeira proposta comeza este mesmo martes e durará ata o día 14 na Capela da Madanela. Trátase dunha exposición colectiva e multidisciplinar baixo o nome de Enmascarad@s. Unha mostra homenaxe ao Entroido galego e ao carnaval en xeral que foi adiada no pasado mes de febreiro debido ás restricións sanitarias.
A exposición, comisariada por Cristina Carballedo, conta coa participación de 28 artistas galegos e poderase visitar en horario de 18:30 a 20:30h de luns a venres. A inauguración oficial terá lugar ás 18:30h con entrada libre e control de aforo.
Cine en galego
O venres 7 dará comezará un ciclo de cine en galego coa proxección do filme A illa das mentiras ás 20:00 no telecentro. O venres 21 á mesma hora prográmase o visionado de O que arde e para o 28 a película seleccionada é Trinta lumes. Para poder asistir a calquera das sesións de cine hai que reservar praza previamente contactando co Departamento de Cultura no teléfono 981500222 ou no correo cultura@concellodearzua.com ata o día de cada sesión ás 14:00h.
Día das Letras Galegas
O luns 17 de maio, Día das Letras Galegas, Arzúa contará co espectáculo Epístola ás neofalantes da compañía Aldaolado. Terá lugar na Praza de Galiza ás 18:00h ou no Multiusos Terra do Queixo, en caso de mal tempo.
En esta proposta a poesía, a música e sobre todo o humor están orientados a reafirmar a nosa lingua como unha lingua moderna, síntoma de coñecemento e cultura e, sobre todo, con moitas primaveras por diante por obra e graza das persoas neofalantes. Esta actuación será tamén retransmitida en directo a través da páxina de Facebook do Departamento de Cultura.
Kogumelos
Por último, a programación do mes de maio complétase coa exposición do Proxecto Kogumelos na que o veciño de Arzúa Agustín Sánchez Carro presenta ao público a súa iniciativa de intervención artística no medio natural.
Os traballos de Sánchez poderanse ver na contorna do encoro de Portodemouros. Inaugurará a mostra o día 22 ás 17:00h na Capela da Madanela e poderá visitarse na semana do 24 ao 30.
Garantiranse todas as medidas de hixiene e protección fronte á Covid-19 durante as actividades.