Brión, 15 de outubro do 2021 – Nace en Brión o I festival solidario Fest for Dent, un programa de actividades co obxectivo de visibilizar a enfermidade de Dent.
Música Miúda, Ruth Gundíns, V-Roc, Gate 3, Zona Vella, a Escola de Pandeireta e a Banda de Música de Brión serán os protagonistas de Fest for Dent. O lugar a Carballeira de Santa Minia en Brión de catro a oito da tarde.
O recadado das entradas, xa á venda por 3 euros en establecementos da localidade, empregarase en axudar a financiar a investigación da enfermidade de Dent, unha doenza xenética minoritaria. En caso de choiva, o festival trasladarase ao Pavillón Municipal.
O menú musical do Fest for Dent contará coa banda infantil de pop-rock en galego Música Miúda, coa gañadora dos Recantos de Ouro do Luar da TVG Ruth Cundíns, co grupo de pandeireteiras da escola de música e baile tradicional de Brión e mais coa Banda Municipal da localidade. Tamén haberá oco para os grandes temas do pop, do rock e do blues da man dos veteranos composteláns Zona Vella e mais dos locais V-roc e Gate 3.
A enfermidade de Dent é unha doenza xenética que afecta gravemente ás funcións habituais dos riles, impedindo que o organismo asimile elementos básicos para a vida como proteínas, vitaminas, potasio, magnesio ou calcio.
A día de hoxe, esta doenza non ten cura nin tratamento, pero o Hospital Clínico de Santiago de Compostela e mais o Vall d´Hebrón, en Barcelona, están desenvolvendo investigacións que poderían mellorar ou solucionar este problema no futuro.
Co obxectivo de axudar a financiar estas investigacións, naceu en maio de 2021 a asociación Art for Dent, que está formada por un grupo de familias galegas con nenos afectados por esta enfermidade minoritaria.
Para conseguilo, a asociación Art for Dent leva a cabo diferentes actividades: recollida solidaria de tapóns, venda de merchandising, exposicións artísticas, murais solidarios e, agora, o Fest for Dent, que organizan en Brión man a man con Kratos Restaurante, Gate 3 e Culturactiva.
Contan tamén coa colaboración das bandas e grupos participantes e do Concello de Brión e co patrocinio de ducias de establecementos comerciais da localidade: as farmacias de Brión, a adega Santa Minia, Brincan, Mesón Abelleira, Panadería La Canela, Mesquiteira, Brión Motor, Novo Faro, mesón O’Adro, J&L Peluqueros, Limpiezas Batalla, Pastelón do camiño, Café Bar “Áncora”, estancos “Os Ánxeles” e “A Senra”, Peitéate Peluquería, Estanco Bastabales, centro de negocios Brión, Policlínica Os Ánxeles, Emesar, Terras de Labranza, Bar A Pedra, Taller SafeStop, Asociación Cultural e de Veciñ@s O Tremo, Novoneón Rótulos e PolboPrint.
A entrada ao Fest for Dent será libre para as e os menores de idade, mentres que as persoas adultas deberán comprar unha entrada solidaria de 3 euros que xa está á venda no Kratos Restaurante, na papelería Orballo e no estanco Os Ánxeles. Tamén hai fila 0, para quen queira colaborar aínda que non poida asistir ao festival, á venda no Kratos Restaurante.