Ordes, 27 de setembro do 2021 – ASDECOMOR, Asociación de desenvolvemento da Comarca de Ordes, pon en marcha “O camiño que nos une”, unha iniciativa que busca vincular patrimonio natural e cultural de esa bisbarra.
O proxecto de dinamización do GDR ASDECOMOR conta coa colaboración do AGADER e coa Secretaria Xeral de Política Lingüística. A proposta consiste na creación dun camiño que una os sete concellos da comarca,dando visibilidade en cada un deles a un espazo patrimonial de interese natural,cultural, histórico, arquitectónico, etc.
En cada un destes sete puntos está programada unha andaina e unha actividade cultural que servirá para presentar, visibilizar e dar a coñecer ese espazo, e para amosar as potencialidades e valores propios da Comarca de Ordes como camiño interior.
O proxecto ‘O camiño que nos une’ xorde nun momento en que a importancia do coidado e a conexión coa natureza medra imparable na conciencia social colectiva. O proxecto quere tamén contribuír á observación e conservación dos espazos naturais, satisfacendo unha parte da demanda de programación cultural e de usos eco-recreativos do medio rural. Unha iniciativa que se implica na creación de estratexias e programas de turismo responsable na Comarca de Ordes.
Conectando A Comarca
A Comarca de Ordes está formada por sete concellos (Cerceda, Frades, Ordes,Oroso, Tordoia e Trazo) con identidade propia e sentimento comarcal moi definido. Esta ruta con sete paradas, unha por concello, permitirá afondar na cohesión comarcal e na conexión entre territorios, traballar coa historia e a cultura local e promover o coñecemento do propio, do máis próximo.
Tamén se procura a implicación de axentes activos da zona co obxectivo de traballar o desenvolvemento local dun xeito participativo coa estratexia de crear un tecido comarcal, cultural e patrimonial e empresarial, máis forte e duradeiro.
A ASOCIACIÓN ASDECOMOR, Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Ordes, é unha entidade sen fin de lucro, integrada por un conxunto representativo das institucións e dos axentes económicos da Comarca de Ordes.
A Asociación nace no ano 2001 coa finalidade de xestionar iniciativas e programas de Desenvolvemento Rural,sendo seleccionada para a xestión da Iniciativa Comunitaria Leader + e como entidade colaboradora de AGADER na xestión do Programa Leader 2007-2013.
Actualmente xestiona como entidade colaboradora de AGADER, a medida LEADER do PDR de Galicia na Comarca de Ordes.
Entre os seus obxectivos están promover a dinamización territorial e a mobilización social ou promover a valorización do medio rural en xeral e do seu territorio en particular que é onde se enmarca o proxecto ‘O camiño que nos une’
Programación
- Concello de Ordes
1 de outubro
17.00h _Andaina Tramo Camiño Inglés (Buscás_Poulo)
18.00h_Actuación musical con Ailá
- Concello de Tordoia
2 de outubro
11.00h_Andaina Dolmen de Cabaleiros_Pedra Longa
12.00h_Actuación musical con Ailá
- Concello de Mesía
15 de outubro
17.00h_Andaina Brañas de Valga
18.00_Actuación musical con Emilio Rúa
- Concello de Frades
16 de outubro
11.00h_Andaina Pazo de Galegos
12.00h_Actuación musical con Laroá
- Concello de Cerceda
16 de outubro
17.00h_Andaina Paseo Río Cabancos_Vía Verde
18.00_Actuación musical con Laroá
- Concello de Oroso
23 de outubro
11.00h_Andaina Tramo Camiño Inglés Río Carboeiro
12.00h_ Actuación musical con Cintaadhesiva
- Concello de Trazo
23 de outubro
17.00h_Andaina de San Lúcas
18.00h Actuación musical con Emilio Rúa