Vedra, 8 de novembro do 2021 – O próximo venres día 12 remata o prazo para participar no concurso de fotografía, sobre a cultura do viño na Ulla, organizado polo concello de Vedra.
O concurso tnaceu como unha exaltación do viño da Ulla adaptada a situación de pandemia. Trátase do I concurso de fotografía “A cultura do viño na ribeira do Ulla” e busca a creatividade como xeito de poñer en valor todo o que se move arredor do viño na Ulla.
Pode participar calquera persoa aínda que os menores de idade terán que aportar entre a documentación unha autorización dos seus pais ou titores. As imaxes terán que ser orixinais, non publicadas anteriormente e non poden ter gañado outro concurso antes de este.
Modalidades e obras
O concello de Vedra estableceu catro modalidades distintas. A primeira está relacionada coa paisaxe, a tradición e a innovación no traballo vitivinícola. No segundo apartado contemplase as distintas labores para o coidado dos viñedos. A terceira proposta céntrase na vendima e a última categoría na elaboración do viño na adega.
As obras teñen que ser realizadas no territorio da denominación de orixe Rías Baixas, subzona Ribeira do Ulla. Cada participante poderá presentar ata un total de 8 obras, dúas por categoría como máximo.
Presentación de propostas
O prazo de admisión rematará as 24 horas do 12 de novembro. As fotografías, nas codicións que estipulan as bases que se poden consultar aquí, terán que enviarse ao correo electrónico casadospeons@concellodevedra.com .
O xurado estará formado polo Alcalde, ou persoa na que delegue, a Concelleira de Cultura e tres persoas vinculadas ao eido da fotografía.