Bisbarra, 3 de decembro do 2024 – Turismo de Galicia vén de sacar a concurso obras de mellora, mantemento e acondicionamento de sendeiros e viais de varios Camiños de Santiago.
Turismo de Galicia acometerá melloras no Camiño Inglés por un importe de 1.182.929,10 euros que consistirán no acondicionamento da senda de Os Ramos, no Concello de Ordes, que terá 2,5 m de anchura e 350 m de lonxitude cun pavimento de material de recheo. Ademais, acondicionarase a área de lecer de A Senra e mellorarase a seguridade viaria en cruces coas estradas autonómicas, municipais e provinciais con este roteiro xacobeo.
No Camiño do Norte, a Xunta tamén mellorará o itinerario peonil realizando un investimento de 975.539,34 euros que se destinarán a optimizar a sinalización vertical, tanto das estradas interceptadas como do propio Camiño, mellorar os cruzamentos do roteiro cun pavimento diferenciado e advertir así aos condutores do paso de peregrinos, completándose esta actuación con obras de acondicionamento na contorna dos cruzamentos.
Por outra banda, en actuacións a realizar no Camiño Portugués preténdese mellorar a seguridade viaria dos peregrinos en cruzamentos coas estradas deste roteiro cun pavimento tamén diferenciado que advirta do paso de viandantes. Ademais, mellorarase a sinalización vertical do propio Camiño e das estradas. A Xunta investirá nesta actuación 810.423,82 euros.
Finalmente, Turismo de Galicia destinará 647.028,65 euros a obras de mellora no Camiño de Inverno. Neste caso, ademais das melloras os cruzamentos do itinerario coas estradas, creará unha senda peonil en Vilamartín de Valdeorras.