Touro, 4 de xuño do 2018 – Os veciños de Touro seguen mobilizándose contra o proxecto mineiro, ademais da Plataforma, a Asociación Aldea Viva e os veciños de Cornado agora a parroquia de Turces tamén mostra a súa oposición.
Este domingo os veciños de Turces organizaron unha xuntanza para expresar “o noso rexeitamento ó proxecto mineiro que pretenden abrir en Touro e O Pino”. Nun comunicado explican que a finalidade do encontro foi analizar os riscos máis directos ós que quedaría exposta a parroquia, tales como a nova liña de alta tensión que abastecería as instalacións dende a Subestación de Portodemouros, ou a presenza de nubes de po en suspensión xeradas pola actividade mineira, que poderían alcanzar, facilmente, un radio duns 15km de expansión.
A través dunha recollida de firmas, e da distribución dunha serie de pancartas que lucirán a partir de agora nas fachadas das casas de diversas aldeas, quedou á vista o rexeitamento xeneralizado da veciñanza de Turces a este proxecto. O grupo está a organizarse xa para participar na manifestación que terá lugar o vindeiro domingo día 10 de xuño en Santiago, á que acudirán “en representación de todos aqueles que queren seguir apostando por un concello de Touro sostible e libre de contaminación”.
