Compostela, 22 de novembro do 2017 – O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia admitiu a trámite o recurso presentado pola Plataforma pola Recuperación do Sar e a veciñanza de Costoia, Quistiláns e Framil contra o anteproxecto da nova depuradora de Compostela.
A nova EDAR, segundo dito anteproxecto, debería ser construída no lugar do Souto, no límite entre o Concello de Compostela e o veciño Concello de Ames.
O proxecto no que se baseou a nova ubicación para a EDAR non contempla o impacto ambiental sobre a zona de Ames o que xenerou desde o primeiro momento unha forte oposición veciñal. O traslado da instalación da Silvouta ao Souto faría que a depuradora quedara pegada ao concello de Ames onde as aldeas de Costoia, Quistiláns e Framil serían as mais afectadas.
Segundo a Plataforma pola Defensa do Sar, os estudios de impacto ambiental e patrimonial presentados no anteproxecto, contiñan numerosas inexactitudes á hora de avaliar o impacto patrimonial, ecolóxico e paisaxístico. Estas deficiencias están recollidas en numerososos informes tanto propia plataforma como de outros organismos.
Entre outros moitos elementos inclúese a Ponte Cabirta, unha ponte medieval que cruza o Sar, á que se da acceso por dúas calzadas que son, cando menos, de orixe medieval; así como regueiras, pesqueiras, e tres petróglifos, dous dos cales xa están recollidos no catálogo da consellaría de cultura. Asimesmo, a pista que daría acceso á depuradora destruiría un pozo e un pombal tamén medievais que pertencen á Casa da Torre, situada na Silvouta.
Da antigüidade medieval de todos eses elementos, da fe o achádego de varios incunables que foron descubertos na citada Casa da Torre e que nestes momentos atopanse en custodia do Arquivo Histórico de Galicia, situado na Cidade da Cultura, para a súa protección e restauración.
Pola parte ecolóxica e paisaxística, o anteproxecto non incluía a existencia dun dos maiores bosques de loureiros do interior de Galicia, nin a presenza de varias árbores singulares da que se xa se ten solicitada a súa catalogación como árbores senlleiras. Asimesmo, a EDAR destruiría dúas carballeiras únicas, con carballos centenarios e que amosan un dos paisaxes mais fermosos que se poden atopar no Concello de Santiago. Todos eses elementos foron postos en coñecemento da veciñanza nun roteiro que este domingo, e organizado pola organización patrimoniogalego.net, levou ao Souto a mais dun centear de persoas, veciños de Ames e defensores do patrimonio galego, e que puideron ver in situ o enorme valor arqueolóxico e paisaxístico da contorna:
Asimesmo, este luns, a abogada da Plataforma pola Recuperación do Sar e da veciñanza de Costoia, Quistiláns e Framil, tivo un encontro co alcalde de Ames, Don José M. Miñones, e con membros do grupo de goberno, onde se analizaron as medidas a tomar para que o Concello se persone como entidade afectada no proxecto da EDAR.
O próximo sábado a Plataforma fará unha asemblea para tratar diversos temas, convocan a todos os medios que o desexen a rolda de prensa que terá lugar ás 13:00 no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.