Bisbarra, 20 de decembro do 2022 – O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, TSXG, mantén a paralización cautelar dos parques eólicos de Bustelo e Campelo e desestima os recursos presentados pola Xunta e Greenalia.

O TSXG retira ademais a obriga, de ADEGA e PDCC, de facer pagos para que a paralizacións dos proxectos eólicos se leve a cabo. O tribunal impón tamén as costas dos recursos presentados por Greenalia e a Xunta que, en calquera caso, non superarán os 150 euros.
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, ADEGA, e a Plataforma para la Defensa de la Cordillera Cantábrica (PDCC) valoran moi positivamente estas resolucións xa que confirman a paralización cautelar de ambos parques. Consideran que “sentan un precedente moi favorable para as organizacións sociais e/ou ecoloxistas sen ánimo de lucro que recorran en vía contencioso-administrativa a paralización cautelar de proxectos eólicos autorizados pola Xunta”.
O Tribunal, entre outros argumentos, mantén a paralización dos proxectos eólicos xa que “nin a Xunta nin Greenalia, acreditaron debidamente a imperiosa necesidade de iniciar a construción dos proxectos eólicos Campelo e Bustelo, instalacións industriais que ademais poderían constituír actuacións presuntamente atentatorias contra o medio ambiente, un ben xurídico máis digno de protección que o interese particular da promotora en poñer en marcha de forma inmediata a nova instalación eólica”.

Devolución das achegas solidarias “Ti podes paralos!”
Para poder facer fronte ao depósito das caucións interpostas polo TSXG para a paralización cautelar efectiva dos proxectos eólicos Campelo e Bustelo, a entidade ecoloxista ADEGA viuse obrigada o pasado mes de outubro a promover a campaña de achegas solidarias “Ti podes paralos!”. A iniciativa de recadación colectiva obtivo un extraordinario éxito, acadando en tan só 7 días un importe total de 23.692 euros. Grazas á colaboración solidaria das galegas e galegos, ADEGA conquiriu, e mesmo acadou un importe superior ao necesario (20.000 euros) para facer efectiva á paralización cautelar de ambos parques eólicos de Greenalia, ao tempo que tamén se acadaba un fito histórico: paralizar cautelarmente proxectos eólicos antes de terse iniciado as súas obras.
Á vista da recente rectificación do TSXG pola que se retira a obriga de caución para efectivizar as medidas de suspensión cautelar relativas aos proxectos eólicos Campelo e Bustelo, a asociación ecoloxista ADEGA procederá nos vindeiros días a efectuar as devolucións dos préstamos solidarios recibidos no marco da campaña “Ti podes paralos!”. Así mesmo, ADEGA comprométese a devolver os importes das achegas efectuados en forma de doazón cuxa devolución sexa requirida de forma expresa, antes do 26 de decembro deste ano 2022.
As doazóns recibidas no marco da campaña “Ti podes paralos!”, cuxa devolución non sexa requirida antes do 26 de decembro, pasarán a formar parte do fondo destinado por ADEGA á súa campaña de defensa xurídica do territorio galego fronte a actual invasión eólica. Ademais, estas doazóns desgravarán, nalgúns casos ata o 80%, na declaración da renda de 2022 das persoas doadoras.