Bisbarra, 14 de marzo do 2024 – O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, TSXG, leva paralizados 19 proxectos eólicos, desde que comezou o ano, centrándose en razóns medioambientais.
A finais do 2023 unha sentenza do Tribunal Supremo rexeitaba dúas das causas empregadas para as paralizacións polo TSXG referidas a erros de forma na tramitación. A partir de xaneiro o TSXG centrou todas as paralizacións cautelares de eólicos en razóns medioambientais.
As dúas últimas paralizacións foron a que afecta a Campo das Rosas, na contorna de Sabucedo e que afecta ao ecosistema na que viven as bestas da rapa; e a de Banzas, que afecta a Outes, Mazaricos e Negreira.
O caso de Campo das Rosas ten que ver co proxecto veciño de Porto Vidros que abarca os concellos da Estrada, Cerdedo e Campo Lameiro. O TSXG considera que este proxecto separa artificialmente o parque eólico do de Campo das Rosas, un dos argumentos recorrentes nas alegacións presentadas en toda Galicia.
Na bisbarra de Compostela, ou próximos a ela, o TSXG ten paralizado de xeito cautelar proxectos eólicos como o de Toruiñan que afecta en parte á Estrada, o de Pico Seco en Lalín, Rodeira en Vila de Cruces, Cerqueiral en Santa Comba, As Encrobas en Ordes, Troitomil na Baña e Negreira, e os xa mencionados de Campo das Rosas na Estrada e Banzas en Negreira.
Tendo en conta o número de paralizacións nos primeiros meses do ano da a sensación de que en este 2024 os proxectos eólicos entran nunha fase na que terán que clarificar tamaños e afeccións medioambientais se queren seguir adiante.
Por outra banda a Xunta de Galicia terá tamén que definir na nova lexislatura cal será a súa postura con respecto á protección medioambiental e as esixencias ás empresas promotoras xa que nos meses finais do 2023 autorizou moitos dos proxectos agora paralizados nos tribunais.