Bisbarra, 8 de abril do 2024 – O TSXG ven de paralizar, de forma cautelar, o proxecto eólico Monte da Croa na zona de Vimianzo e Dumbría tras a petición realizada por ADEGA.
O parque paralizado polo TSXG é un dos promovidos polo empresario Villar Mir por mediod a empresa Cartelar Vimira SLU. O proxecto recibira autorización da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta hai un ano.
A decisión xudicial basease nas deficiencias na avaliación de impacto ambiental e as consecuencias na avifauna ameazada e no lobo ibérico. Na solicitude de suspensión presentada por ADEGA poñíase de relevo a minusvaloración da Xunta da afección do polígono eólico sobre os espazos naturais de Rede Natura 2000 próximos, sobre a conectividade ecolóxica das áreas protexidas e sobre as zonas de ampliación da rede propostas en 2008 e 2011.
O auto xudicial do TSXG tamén considerou e destacou de forma especial o potencial risco de efecto barreira que unha alta densidade de infraestruturas eólicas pode ter sobre as poboacións de aves e morcegos, recoñecido pola propia Xunta. e posto de manifesto na resolución desfavorable de declaracións de impacto ambiental de diversos parques eólicos proxectados na mesma zona.
Outro dato determinante que o TSXG tivo en conta para adoptar a citada medida cautelar foi a significativa afectación que a construción deste polígono eólico podería ter sobre un núcleo reprodutor estable de lobo ibérico, segundo os datos achegados por ADEGA.
Coa paralización cautelar do proxecto, o TSXG pretende evitar que se exerzan danos irreparábeis sobre o medio ambiente, cuxa preservación considera que debe prevalecer “fronte os intereses públicos na utilización das enerxías renovables e económicos da promotora”, ao atopar suficientes indicios que dan conta de que o acto administrativo impugnado podería causar “prexuízos de difícil reparación ao medio ambiente como ben xurídico constitucionalmente protexido”.