Bisbarra, 21 de febreiro do 2025 . O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, TSXG, paraliza cautelarmente o polígono eólico Campo das Rosasque ameazaba o habitat das bestas de Sabucedo.

O TSXG acolle a petición conxunta da asociación ecoloxista ADEGA, a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, a Asociación Alarma Terra de Montes e a comunidade dos montes veciñais de Quireza sobre o proxecto de Naturgy en Cerdedo na Estrada e Campo Lameiro.
Parte das súas infraestruturas localizaríanse no traxecto da “baixa” das bestas a Sabucedo, e todas elas estenderíanse polo territorio que habitan desde tempo inmemorial estes cabalos salvaxes”.

Esta determinación do tribunal galego supón que, malia a contar o proxecto coa autorización administrativa e de construción da Xunta de Galiza, as obras non se poderán iniciar ata que non se ditamine sentenza sobre os recursos contencioso-administrativos interpostos. A efectividade das autorizacións queda suspendida temporalmente.
O alto tribunal galego sostén a súa paralización cautelar en boa parte dos argumentos esgrimidos por ADEGA e as demais codemandantes para solicitar o freo cautelar do proxecto que ameaza Sabucedo.
No auto xudicial recóllese que a actividade que pretende despregar a promotora “ocasionará unha afectación ecosistémica” derivada dunha “inxente serie de obras que indicen directamente no espazo natural”: movemento de terras e implantación das infraestruturas eólicas.
En concreto, este proxecto contempla na contorna de Sabucedo non só a instalación de aeroxeradores -senón tamén de dúas liñas subterráneas e outras tantas aéreas, dúas estacións anemométricas, un centro de seccionamento e unha subestación elevadora.
En segundo lugar, o TSXG alude aos tres informes técnicos achegados por ADEGA que denotan un “impacto irreversible” sobre os valores ambientais. Particularmente, sobre especies de flora e fauna, algunhas delas en perigo de extinción ou vulnerables; sobre turbeiras e sobre elementos do patrimonio etnográfico e cultural, como a Rapa das Bestas de Sabucedo, sobre a que existe un expediente incoado para a súa declaración como Ben de Interese Cultural.
Por todo isto, o tribunal galego, que tamén considera a multitude de proxectos autorizados ou en tramitación na mesma área xeográfica, fai valer o principio de prevención e precaución do dereito comunitario e paraliza cautelarmente o proxecto.
Unha ameaza para a Rapa das Bestas e a arte rupestre
O proxecto eólico Campo das Rosas situaríase no percorrido da Rapa das Bestas e no hábitat destes cabalos salvaxes. Poría en perigo ecosistemas naturais sensibles, como os queirogais atlánticos, turbeiras e brañas onde vive o licopodio dos lamazais, especie en perigo de extinción; así como carballeiras onde habita o caracol de Quimper, tamén en perigo de extinción. A tartaraña cincenta e o morcego bigotudo tamén se verían ameazadas. O monte Montouto, onde se instalaría o proxecto, é un corredor ecolóxico próximo a espazos naturais protexidos da Rede Natura 2000.
