Trazo, 22/07/2026 – O Concello de Trazo acolle no Local de Usos Múltiples (Casa Amarela) de Viaño Pequeno o Servizo de Estimulación Terapéutica que desenvolve a Asociación Galega para a Axuda das Persoas con Demencia Tipo Alzhéimer (AGADEA).
A nova oferta de servizo de Trazo é un recurso especializado dirixido a persoas con alzhéimer e outras enfermidades neurodexenerativas. O servizo ten como obxectivo favorecer a preservación das capacidades cognitivas, físicas e sociais das persoas usuarias, contribuíndo a mellorar a súa autonomía e calidade de vida.
AGADEA ofrece tamén acompañamento e orientación ás familias, algo fundamental no proceso de coidado.

Horarios
As sesións celébranse os luns, mércores e venres, en horario de 16:30 a 19:30 horas, e o servizo conta ademais con transporte para facilitar a asistencia das persoas participantes.
Durante as sesións que impartirá AGADEA realízanse exercicios de memoria, atención, orientación, linguaxe e psicomotricidade, co fin de traballar as capacidades preservadas nun ambiente profesional, próximo e adaptado ás necesidades de cada persoa.
As persoas interesadas poden solicitar máis información nos Servizos Sociais do Concello de Trazo, no teléfono 981 689 001, ou contactar con AGADEA no 722 743 092 ou no correo cdiasalgueirinos@agadea.org .
