Vedra, 15 de febreiro do 2021 – Os alcaldes de Boqueixón, Manuel Fernández, e Vedra, Carlos Martínez, reuníronse para definir as bases do Centro de Día que dara servizo a ambos os dous municipios.
Na reunión participaron as traballadores sociais de Vedra e BOqueixón, Ana Anta e Ana Aldrey, co obxectivo de perfilar os seguintes pasos na redacción do proxecto. O encontro realizase tras a reunión telemática mantida coa conselleira de Política Social Fabiola García.
No encontro, celebrado no salón de plenos vedrés, acordouse que as técnicas de Servizos Sociais comezasen a traballar nunha memoria do modelo de atención. Neste senso, barallaranse dúas posibilidades: a posta en marcha dun centro de día compartido ou a incorporación a maiores dunha pequena residencia.
As Traballadoras Sociais de Vedra e Boqueixón iniciarán tamén unha rolda de contactos con distintos profesionais do eido co fin de propoñer o modelo de xestión de atención acorde ás necesidades de ambos os dous municipios. Este traballo conxunto inicial materializarase nunha memoria técnica que se presentará, previsiblemente, no mes de xuño.
Pola súa banda, os rexedores de ambos os dous Concellos reuniranse cos servizos urbanísticos para estudar a viabilidade do proxecto, así como outras cuestións relativas á xestión conxunta do servizo. Ademais, porase en marcha unha comisión específica de seguimento. Esta iniciativa xurde do acordo unánime de ambas as dúas Corporacións para ofrecer á veciñanza un servizo que consideran “fundamental” e que permitiría dar resposta á demanda existente de atención a persoas maiores no súa contorna habitual de convivencia.