Compostela, 23 de decembro do 2020 – Os traballadores de Burger King Santiago denuncian os abusos laborais da empresa e o intento de boicot da eleccións sindicais.
Os problemas en Burger King prodúcense desde que hai unhas semanas cambiou a empresa que xestionaba a franquicia na cidade. Os traballadores anteriores ao cambio gozaban dun convenio laboral que lles asigna dereitos en cuestión de horarios e libranzas que, presuntamente, a nova empresa non está disposta a aplicar.
A situación volveuse peor coa convocatoria de eleccións sindicais impulsada desde a CIG. Según os traballadores a empresa puxo todo tipo de impedimentos ao normal desenvolvemento do proceso. No cumpriu o prazo legado de sete días para avisar a aqueles traballadores que deberían constituír a mesa electoral. Algúns traballadores só foron avisados con dez minutos de antelación polo que non puideron firmar a acta ata despois da hora prevista. A xerente do local negouse a constituír a mesa electoral, aducindo que non se lle informara, pese a ter recibido un correo con tempo suficiente e ser ela mesma a que marcara a o día no calendario.
Ao día seguinte a xerente, presidenta da mesa ao ser a empregada máis antiga e responsable de moitos dos atrancos, non apareceu tendo que ser substituída polo seguinte traballador en orde de antigüidade. Este traballador sería despedido poucos días despois por supostas faltas graves e reiteradas que non se atopan documentadas. Xunto a el foron despedidas outras persoas entre as que se atopan dúas ás que se lles aplicara un ERTE había menos de seis meses, polo cal non podían ser despedidas. Ningún deles recibira sequera un aviso que puidera servir como proba para a execución dos devanditos despidos.
Malas condicións laborais
Os traballadores explican que “as condicións laborais do restaurante nunca foron excesivamente boas: os cambios de quenda sen os debidos días de preaviso, os reiterados erros nos pagos das nóminas, presenza de ratas na cociña, vestiarios inundados durante días, faltas de respecto constantes a traballadores por parte de superiores, etc”.
Engaden que “a situación a día de hoxe resulta de todo insostible, creándose un ambiente de conflito e acoso aos traballadores que denuncian esta penosa situación, e que pretenden agora botar á rúa aínda que sexa mentindo. Ante a desprotección dos traballadores do Burger King da rúa Senra, e de todos os Burger King pertencentes á matriz BK Spain, onde coñecemos de primeira man situacións similares, queremos informar á veciñanza de Santiago desta situación para que estas prácticas remitan por parte dos seus responsables, para defender a dignidade das traballadoras e traballadores que facemos parte desta empresa”.
Os traballadores non descartan mobilizarse en próximas datas e están presentando todas as denuncias precisas ante os organismos correspondentes.