Bisbarra, 23 de xaneiro do 2023 – Os socialistas presentan no Parlamento unha batería de iniciativas que reclaman da Consellería de Educación a mellora do patio do CPI Fonte Díaz en Touro.
A parlamentaria Noa Díaz, impulsora das iniciativas, demanda que as melloras no patio se fagan con cargo ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. A responsable socialista lembra que a Consellería segue sen facer públicas as previsións de actuacións do dito Plan, polo que “descoñecemos se o CPI de Touro é un dos afortunados”.

Lembra que o centro “precisa de accións de mellora ás que o Concello non fai fronte”, así como a conversión do patio de xogos nun espazo inclusivo con zonas multixogo e multideporte, unha das claves do Plan. A petición xa fora incluída como emenda socialista aos orzamentos da Xunta pero foi rexeitada pese a contar co apoio por diversos colectivos municipais.
Díaz lembra que a educación pública de calidade debe de estar garantida “en tódolos lugares do noso territorio”, para o que “é preciso dotar de recursos aos centros educativos” e asegurar a plena integración de todo o alumnado, “acorde a uns tempos nos que a inclusión dos nenos e nenas pasou a ser xa unha prioridade do noso sistema pedagóxico”.