Bisbarra, 2 de setembro do 2022 – O grupo socialista leva ao Parlamento de Galicia unha petición para conseguir a desafección dos inmobles das antigas escolas unitarias de Touro.
Os catro inmobles de Touro atópanse “nun estado lamentable” segundo os socialistas de Touro. A voceira, emma López, lembra que en xuño do 2021 aprobouse unha proposta municipal para solicitar a desafección sen que “o PP de Touro fixera nada”. O Obxectivo era que a titularidade pasar a ser municipal para que os edificios foran rehabilitados e usados.
Gemma engade que “O grupo de goberno de Touro, aínda tendo maioría absoluta no concello e tamén na Xunta, non é quen de sacar nada adiante, estamos fartos de votar a favor de propostas e que logo as garden nun caixón”.
Os socialistas solicitaron hai uns meses ao goberno municipal que axilizara a demanda á Consellería de Educación do traspaso. Agora din que “O paso seguinte que demandamos é que a medio prazo sexan arranxados, co fin de que as veciñas e veciños, as asociacións de toda índole e calquera colectivo local poida darlles uso e desfrutar destas escolas unitarias”.
O Partido Socialista de Touro, a través do grupo parlamentario do PSdeG, “que sempre está para axudar ás veciñas e veciños de Touro, solicitarémolo no Parlamento de Galicia”, remata Gemma López.