Touro, 9 de decembro do 2019 – Os veciños de Touro agrupados na Plataforma Mina Touro O Pino NON veñen de presentar novas alegacións ao proxecto da mineira Cobre San Rafael.
Os veciños de Touro denuncian ademais novos episodios de vertidos nos terreos da antiga mina. Según a Plataforma as continuas multas de Augas de Galicia demostran os problemas existentes en lugares como Santaia, na parroquia de Touro, ou na corta de Bama. Recentemente a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo decidiu manter abertas as tres peticións sobre a mina, para seguir investigando a situación e tomar cartas no asunto ante a vulneración de diversas Directivas Europeas, como as relativas a augas ou tratamento de residuos mineiros.
Por outra banda as alegacións presentadas fanse con motivo dun novo período de subsanación da documentación que a administración lle outorga á empresa, que obriga así a abrir un novo período de información pública. Según os veciños en esta nova ampliación de prazos a empresa non ten aportado nada novo limitándose a reiterar o presentado anteriormente. Pola contra, en ningún momento plantexa unha ubicación nin metodoloxía diferente para as balsas e escombreiras, non sepultar mananciais baixo as mesmas nin incluír a balsa de Angumil, da antiga explotación, no novo plan de restauración, entre moitas outras eivas.
